A Deputación de Pontevedra vén de lanzar a súa potente programación cultural para o 2021 que, cun investimento de preto de 2,8 millóns de euros, vai “aviventar” o sector na provincia. Estes recursos, que non inclúen os preto de dez millóns de euros destinados ao Museo de Pontevedra e ás actividades culturais que se promoven dende os distintos servizos da institución, converten á Deputación “nunha referencia cultural en toda Galicia” e permitirán apoiar “máis que nunca e tras un ano complexo de pandemia, ás persoas que fan posible a cultura e participan dela”, tal e como explicou a presidenta. “Aviventa cultura. Cultura para coller alento”, como así se denomina a programación cultural da entidade para o 2021, artella unha ampla serie de actividades relacionadas coa música, o patrimonio, teatro, escrita, cinema, lingua, arte, artesanía e historia que a Deputación espallará por todos os concellos da provincia.
“Queremos –asegurou Carmela Silva- reanimar, fortalecer, protexer, propiciar e incentivar a cultura do noso territorio tras pasar un momento crítico no que a cultura foi o noso grande refuxio e pasou grandes dificultades”. Para elo a presidenta amosou a vontade de “dar un paso máis” e “acompañar con enerxía e carácter positivo á cultura sendo cómplices da creación artística, fortalecendo o tecido cultural, impulsando ás e aos profesionais, dando ao público a posibilidade de gozar da cultura e vertendo novas olladas sobre o patrimonio e o territorio”. Deste xeito, a programación responde , aos obxectivos de democratizar a cultura estendéndoa a todos os espazos da provincia, alzar ao sector profesional, recobrar a presenza da cultura na sociedade e economía, programar e respirar cultura nas rúas, alimentar a confianza do público e sentir a cultura ao vivo partindo, amais, dos 17 ODS da Axenda 2030.
Programación
Amais de programas xa asentados como Pontegal (cun orzamento de 600.000 €), Musigal (dotado con 500.000 €) ou as subvencións para actividades culturais, festivais audiovisuais, festivais musicais ou escolas de música (480.000 €), “Aviventa cultura. Cultura para coller alento” conta con dez eixos temáticos: Aviventa música (315.000 €), Aviventa patrimonio (246.000 €), Aviventa teatro (80.000 €), Aviventa escrita (25.000 €), Aviventa cinema (245.000 €), Aviventa a nosa lingua (27.500 €), Aviventa arte, artesanía e historia (30.000 €), Aviventa nas datas culturais (50.000 €), Aviventa a comunidade cultural (85.000 €) e Aviventa o coidado da nosa cultura (83.000 €).
En canto a Aviventa música continuarase co ciclo de concertos de música clásico-contemporánea “Musíca no Ar”, así como coa programación de festivais “Rías Baixas Fests” e o programa “Descúbreas”. Con Aviventa patrimonio lanzaranse dous novos programas: “Tras as ameas”, a programación cultural nos castelos de Soutomaior e Sobroso, e “Historias cavadas”, visitas escenificadas aos castros musealizados da provincia. Amais, nesta mesma sección tamén se continuarán coas rutas de arquitectura e se impulsará a musealización do castelo de Sobroso.
No marco de Aviventa teatro lanzarase unha novidosa iniciativa: “Tornar ás táboas”, cunha programación específica de teatro nos 51 concellos da provincia de menos de 20.000 habitantes. Pola súa banda, e no que respecta a Aviventa Escrita, incluirase a programación da II edición da Escola de Letras e os Roteiros Literarios. Tamén o cinema será protagonista, Aviventa cinema, no que están integrados “Pontevedra plató de cinema” e o apoio aos festivais Rías Baixas Film Fest , así como unha nova campaña de difusión con accións como “A Depo en ruta polos festivais”, “De feira en feira”, “Que non che conten a película!” ou “#EuSonRíasBaixasFilmFest”.
A programación cultural para este ano comprende amais accións para festexar e promocionar a lingua no marco de Aviventa as nosas letras, que inclúe unha actividade multidisciplinar con motivo do Día das Letras Galegas, pero tamén mostras en homenaxe a Xela Arias como “Lebres como gacelas” e “Xela Arias. A poesía do teatro”, un concurso creativo para difundir a súa figura e o apoio a editoriais galegas. Tamén se organizarán exposicións itinerantes enmarcadas en Aviventa arte, artesanía e historia como “Tecendo a natureza. Enrique Táboas”, “Vento nas velas”, “O imaxinario do país. Letras de magnesio” e “Cines de Pontevedra. Memorias dunha ilusión”, así como se celebrarán datas culturais baixo o lema Aviventa nas datas culturais, que inclúen o Día de Rosalía, da Poesía e do Teatro e os días do Libro, da Danza, das Letras Galegas, da Música e do Cinema así como o centenario do falecemento de Emilia Pardo Bazán.
O eixo temático Aviventa a comunidade cultural inclúe a colaboración coa Culturgal e as feiras do libro 2021, así como os premios Otero Pedrayo, Mulleres no Foco, Mª Luz Morales e Martín Códax e, finalmente, Aviventa o coidado da nosa cultura integra a colaboración coas entidades que promoven a cultural vencellada á provincia como as fundacións Laxeiro, MARCO e Rosalía de Castro e o Museo do Pobo Galego.
Amais da programación de “Aviventa cultura. Cultura para coller alento”, a Deputación de Pontevedra inviste sete millóns de euros no Museo de Pontevedra e outros preto de 2,8 millóns de euros en actividades culturais a través dos diferentes servizos da institución ben sexa a través dos programas de dinamización da lingua galega, dos servizos de normalización lingüística, da publicación e edicións audiovisuais, da posta en valor do patrimonio marítimo-fluvial e histórico-cultural, da musealización dos xacementos, do desenvolvemento de contidos divulgativos e pedagóxicos, da posta en valor do patrimonio inmaterial, ou de certames e premios como Novos Valores ou á Xuventude ou programas como DepoRúArte e Mulleres en Acción. Violencia Zero.