Ante o incremento de casos da variante brasileira da Covid-19 na cidade de Vigo, que se atopa dende o venres en nivel medio de restricións, o Sergas decidiu poñer en marcha esta semana un cribado por PCR entre o alumnado do campus vigués de idades comprendidas entre os 16 e 35 anos, tal e como informa o Diario da Universidade de Vigo.
A Consellería de Sanidade destinou para esta mostraxe un total de 6.000 ‘kits’ de recollida de saliva, que se poden solicitar nas conserxerías dos centros dende este luns e ata o xoves. A entrega das mostras debe realizarse entre o mércores 28 e o venres 30. O estudantado seleccionado está a ser convocado polo Sergas a través dun SMS. Nesta mensaxe poderán descargar un código QR que deberán amosar no punto de entrega da mostra, proceso que levará a cabo persoal auxiliar do Sergas.
A recollida dos tubos de mostra realizarase para os estudantes do ámbito científico, é dicir, das facultades de Química, Ciencias do Mar e Bioloxía, na conserxería do Edificio de Ciencias Experimentais, onde se dispón de 1.000 unidades. Pola súa banda, os estudantes do eido tecnolóxico, das escolas de Enxeñería Industrial, Minas e Enerxía e Telecomunicación, poden recoller os kits na conserxería da EE Industrial, que poderá distribuír 2.000 unidades. Na conserxería da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais haberá outros 2.000 tubos destinados ao alumnado de Ciencias Xurídicas e do Traballo, Ciencias Económicas e Empresariais e Filoloxía e Tradución. Finalmente, para o alumnado que cursa os seus estudos en Torrecedeira, haberá outros 1.000 tubos na conserxería da EE Industrial-Sede Cidade.
O punto de entrega das mostras para todo o alumnado será no pavillón de Deportes do campus de Vigo entre os días 28 e 30, en horario de 9.00 a 14.00 horas e de 15.00 a 20.00 horas. A recollida da mostra debe realizarse, preferiblemente, a primeira hora da mañá, antes de inxerir calquera alimento ou bebida o mesmo día da entrega. Todas as indicacións para recollida de saliva están especificadas no ‘kit’.