O alcalde de Vigo, Abel Caballero, avanzou este martes que deu inicio a tramitación administrativa das obras de ampliación da senda do Lagares, no tramo entre Manuel Álvarez e a Avenida de Madrid. Na Xerencia de Urbanismo desta mañá deuse conta tamén de que o Concello xa dispón dos terreos, logo de expropiar 98 fincas cun investimento de 430.478 euros.
Con este proxecto, que ten un investimento de 785.000 euros, súmanse 3,5 km de paseo o que permitirá completar a senda desde Manuel Álvarez ata a desembocadura do río. Está previsto incorporar estudio medio ambiental de todo o trazado, contemplando a plantación de 140 árbores de gran porte así como a recuperación da biodiversidade dos marxes e espazos fluviais.
O rexedor explicou que nun mes se licitará o proxecto, en tres meses adxudicarase e os traballos comezarán en setembro para estar rematados antes de final de ano.
Albergue
Por outra banda, o Concello de Vigo concedeu licenza de primeira ocupación ao albergue de peregrinos construído na Ribeira do Berbés 5 e Praza Peñasco 7-9. Neste punto afeou á Xunta a súa actitude ao colocar unha lona azul diante dun edificio que contravén as ordenanzas municipais, unha infracción pola que o Goberno galego xa foi advertido dúas veces así que, advertiu o rexedor, se tivera que haber unha terceira, o Concello abrirá expediente de sanción.