O xerente do Servizo Galego de Saúde, José Flores, anunciou este xoves que o Sergas publicará nos próximos días a licitación do contrato de obra do centro de saúde do Porriño. Unha vez adxudicado, os traballos terán un prazo de execución de 18 meses, co que os labores iniciaranse neste ano. Así, os profesionais que prestan servizo no ambulatorio e os seus usuarios terán á súa disposición o novo centro antes de que remate esta lexislatura.
Unha vez que estea reformado e ampliado, o centro de saúde do Porriño contará con oito consultas de medicina de familia, oito de enfermería, unha polivalente, unha sala de toma de mostras, unha sala de técnicas, unha de farmacia, unha área de fisioterapia, unha área de odontoloxía, tres consultas de pediatría e dous de enfermería pediátrica. Tamén disporá dunha consulta de matrona, ademais de sala de educación sanitaria, entre outros espazos. A área de PAC terá dúas salas de reanimación-observación, tres consultas médicas e dúas de enfermería. O proxecto contempla a reforma de 1.597 metros cadrados e a ampliación en 1.105, co que se alcanzará unha superficie de 2.702 metros cadrados grazas a un investimento de 4,6 millóns de euros.
José Flores informou desta cuestión a través dunha resposta a unha pregunta formulada na Comisión 5ª de Sanidade, Política Social e Emprego do Parlamento de Galicia, relativa ao cumprimento dos convenios en materia de infraestruturas sanitarias na área de Vigo, concretamente nos referidos aos concellos do Porriño e Moaña.
No que atinxe ao centro de saúde da vila do Morrazo, o xerente do Sergas indicou que a empresa contratista está xa a elaborar o proxecto básico do futuro centro de saúde e, “estamos en condicións de solicitarlles tamén o proxecto de execución en canto o concello remate as xestións para inscribir a parcela e poñela a disposición da Xunta”. Se o concello cumpre coa súa parte, “o Sergas está en disposición de poder licitar tamén a obra deste centro de saúde á volta do verán”.
O centro contará, na área de adultos, con oito consultas de atención primaria, seis de enfermería, seis consultas polivalentes, unha sala de cirurxía menor, unha sala de telemedicina, unha sala de ecografías, e unha sala de toma de mostras. Na área de atención pediátrica, terá dúas consultas de pediatría, dúas de enfermería de pediatría, dúas consultas polivalentes e unha sala de lactancia. Tamén disporá dunha consulta de matrona e unha sala de educación sanitaria, unha consulta de odontólogo e unha para o hixienista, área de fisioterapia, área de traballo social, unha sala para asociacións de pacientes, etc.