Agora si. Despois da traxedia da pandemia e dos enormes danos que no último ano e medio causou ao sector do turismo, agora chegou o momento para invitar directamente a viaxar de novo á provincia de Pontevedra. “É o teu momento”. Con esta apelación directa a volver a desfrutar no destino Rías Baixas, a Deputación de Pontevedra presentará o próximo xoves, ás 12.00h na Feira Internacional de Turismo “Fitur”, “unha proposta ilusionante, innovadora, tecnolóxica e baseada nas emocións e nas experiencias que, unha vez máis, sorprenderá ao recinto de Ifema”, en palabras da presidenta Carmela Silva.
O Salón de Plenos albergou o acto de presentación da campaña e tamén das liñas de acción do II Plan Estratéxico de Turismo, folla de ruta da Deputación para os vindeiros tres anos. O evento, moi visual, musical e festivo coa actuación de Nadja Sami e a proxección de imaxes e audiovisuais de Rías Baixas, contou coa asistencia do sector e de alcaldes e alcaldesas de concellos como Baiona, Lalín, Cangas, O Grove, O Rosal, A Cañiza, Forcarei, Mondariz, Mondariz-Balneario, Ponte Caldelas, Salvaterra, Barro, Moraña, Vilaboa, A Guarda, Fornelos ou A Illa, amais de concelleiras/os do resto dos concellos da provincia.
“É o teu momento” chega a Fitur
“En Fitur facemos, agora si, unha chamada directa a viaxar á provincia, a que elixan o noso destino como lugar no que vivir experiencias únicas e tamén seguras”, asegurou a presidenta Carmela Silva. A proposta provincial, que poderá seguirse por streaming en www.depo.gal e a través da canle da institución provincial en Twitter, “será unha presentación chea de frescura e de optimismo, unha chamada á acción para que as persoas turistas se preparen para visitar a nosa provincia porque É O TEU MOMENTO”. Contará “co valor engadido de mulleres talentosas e referentes da creatividade cultural en Galicia que poñen voz e alma ao noso relato do turismo”. Silva referiuse con elo á artista Woiza, a voz da mensaxe, á poeta feminista Lúa Mosquetera, coguionista “dun relato que non deixará a ninguén indiferente”, e á reporteira viguesa Noa García, que se encargará de conducir o acto. Amais, a presentación do destino “dará voz ao sector e porá cara, voz e espazos a toda a cadea de valor do sector turístico” contando coa colaboración de Miguel de la Cierva, do Náutico do Grove.
“É o teu momento” continúa a liña emocional de “Fame de experiencias” e “Sigue o teu instinto”, amosando que a provincia é un destino sostible, hospitalario, seguro e multiexperiencial. “Trátase dunha invitación a visitar a provincia para que as persoas turistas creen novos recordos para o futuro”, indicou Carmela Silva. A presidenta tamén explicou que a campaña vai dirixida tanto ás que xa coñecen a provincia como a aquelas que nunca viñeron, con accións de reforzo, promoción en redes sociais, reportaxes en revistas especializadas, prestando atención a Madrid, Barcelona, Asturias e País Vasco. Amais, continúa a estela de #momentosríasbaixas, que arrancou a comezos do 2021 e tivo xa un impacto de máis dun millón de persoas e, a través dos sorteos de experiencias, chegou a máis de 800.000 persoas de Madrid, Barcelona, Asturias, Bilbao, Sevilla, Córdoba e Málaga, entre outros lugares da xeografía estatal.
Xunto á presentación do destino, a Deputación de Pontevedra tamén recollerá as 11 Q da rede Info Rías Baixas que recalarán nas tres oficinas de turismo da institución (Palacete das Mendoza, Aeroporto de Vigo e Armenteira en Meis) e nas dos concellos da Illa, A Estrada, Cangas (A Bola), Nigrán, Sanxenxo, Baiona, Caldas e Poio (Casal de Ferreirós). Amais, participará na XI edición dos premios SICTED, onde a Deputación revalidará o seu liderado como primeiro destino SICTED de España en número de establecementos distinguidos; acompañará aos concellos nas súas presentacións de destino e estará nas accións de promoción de proxectos como “Camiños do Sur”, no stand de Badaxoz, no que a institución provincial participa. Tamén estará no foro “News Trends On Tourism Communication”, de reflexión sobre o audiovisual turístico, no que se proxectará o vídeo “Sigue o teu insinto”, que ten xa un galardón internacional e vén de conseguir outros dous premios, como caso de éxito.
Posta de largo do Plan Estratéxico de Turismo
No evento, a presidenta provincial tamén detallou as liñas de acción do II Plan Estratéxico Provincial de Turismo, con 280 páxinas, 46 plans de actuación e 269 accións operativas, vai permitir “seguir modernizando, dixitalizando e innovando” o sector turístico. O principal obxectivo do plan, que mobilizará ata 16 millóns de euros amais dos fondos europeos que quere impulsar, “é converter a Pontevedra Provincia no primeiro territorio certificado como destino turístico intelixente”.
“Non vai ser posible que sexamos capaces de reconstruír unha situación tan terrible como a que temos vivido se non traballamos xuntas e xuntos”, asegurou a presidenta provincial, que enxalzou o compromiso, implicación e participación: “Que esteades aquí reafirma que o sector turístico reflotará e que seguramente no 22 e 23 vai ter esa subida exponencial que xa estabamos vivindo antes da covid19”.
“Se algo puxo de manifesto esta pandemia –asegurou- é a necesaria transformación dixital e a resiliencia dos destinos sostibles e verdes. Sabemos que dispoñemos dun tesouro valioso e témolo que xestionar con intelixencia e responsabilidade compartida”. Deste xeito, o Plan aborda cuestións como a xestión da incerteza mediante a innovación, a inclusión e a igualdade de oportunidades. Todo elo arredor de catro grandes eixos entre os que se atopan a promoción e a comunicación; a oferta turística diferenciada; a competitividade e a reactivación; e a intelixencia no destino.
Carmela Silva detallou que no eixo da promoción e comunicación vanse lanzar accións de reforzo e marketing do destino, así como un programa específico sobre accesibilidade turística, unha campaña de sendeirismo adaptado e un programa de sensibilización ao sector sobre a sustentabilidade. En canto á oferta turística diferenciada explicou que se desenvolverán accións de valorización e activación da oferta en ata 19 produtos de referencia na provincia, amais de accións nos recursos turísticos como son os Castelos de Soutomaior e Sobroso. A presidenta detallou accións relacionados cos Camiños de Santiago, a ruta dos fenicios, os xacementos galaico-romanos, as rutas da camelia, o patrimonio industrial e a posta en marcha de programas de potenciación de produto ligado ao patrimonio material e inmaterial. Tamén a aposta polo turismo de natureza e científico, actividades nocturnas e un programa starlight, turismo de litoral e actividades acuáticas, turismo de interior, turismo saudable e de bestar, turismo deportivo, enogastronomía e a creación dun produto turístico sustentable arredor de grandes eventos.
No que respecta á competitividade e reactivación vanse promover accións co sector privado centradas no SICTED e a Q de calidade, axudas e subvencións de actividades turísticas, programas de reactivación, plans de sustentabilidade e accións de mobilidade amable. Tamén se vai apostar pola dixitalización das oficinas de turismo, dimensionar o programa SmartPeme e as accións Turistic ás novas necesidades no eido da dixitalización, lanzar accións comerciais e workshops para canalizar o intercambio comercial e traballar para captar fondos Next Generation a través de iniciativas nas que xa está a traballar a institución provincial como o Tourist Inside II, para abordar a dixitalización e a mellora dos equipamentos turísticos e sociais dos concellos.
Finalmente, en canto ao eixo do destino intelixente, no que se enmarcan as actuacións destinadas a mellorar a dixitalización, sustentabilidade e a inclusión, contempla actuacións como a formación e capacitación de persoal de turismo, un plan de eficiencia enerxética e eficiencia hídrica de edificios turísticos, outro de residuos en edificios turísticos e concienciación medioambiental, un programa de Vixilancia Competitiva e Intelixencia Turística e outro de mellora da calidade do emprego. Neste eixo tamén se inclúen cuestións relacionadas coa mellora da mobilidade turística na provincia, a execución do Plan Móvese III de redución de velocidade ou o desenvolvemento de ferramentas virtuais que nos permitan coñecer en tempo real o estado do tráfico ou zonas de aparcamento disuasorio nos principais destinos da provincia. Amais, afondarase no aliñamento continuo coa Axenda 2030 e cos ODS, no compromiso de sustentabilidade, no consumo e compra de produto local ou no lanzamento de liñas de colaboración co sector para traballar nesta dirección.
Na presentación do Plan tamén participaron representantes do sector turístico que puxeron voz aos temas clave que nel se abordan como son a dixitalización, a sustentabilidade, as experiencias ligadas á cultura e a importancia da cadea de valor que compón a enogastronomía. Deste xeito, Adolfo Neira, da empresa EOSA encargada da elaboración do Plan, fixo fincapé na importancia da tecnoloxía “fundamental neste escenario de incertidume” e “núcleo guardián do plan”. Pola súa banda Ana Vázquez, xerente de Alecrín, e Goretti Álvarez, do restaurante Silabario, afondaron na sustentabilidade subliñando, a primeira, a importancia de “coidar a natureza, o patrimonio material e inmaterial para que ao longo prazo poidamos ter un sector turístico consolidado” e, no caso da segunda, a importancia do produto local e o coidado da terra “para garantir un destino turístico de calidade, verde e de excelencia”. Finalmente Jordi Lauren, en representación de Rías Baixas Fest, e Anxo Sánchez, codirector do festival Play Doc dos FilmFest reivindicaron a importancia da cultura como foco de atracción turística. Lauren enxalzou o papel “dos festivais como compañeiros de viaxe idóneos para comezar a reactivación turística, social e económica que temos por diante” e Sánchez apelou á importancia dos eventos culturais “para innovar e tecer redes para fomentar o desenvolvemento local e atraer turismo”.