As obras da primeira fase da reforma da Praza de Abastos de Tui, consistentes na reparación da cuberta e da estrutura portante, comezarán a próxima semana. Suporán un investimento de 96.437 € , IVE incluído, dos que 50 mil son financiados ao abeiro das subvencións para proxectos de rehabilitación e reforma de mercados municipais de venda de produtos agroalimentarios de Agader, asumindo o concello con fondos propios o importe restante.
A execución prolongarase até o 30 de xuño. Neste tempo compatibilizarase a actividade dos praceiros e praceiras pola mañá coa execución das obras pola tarde. Dende o concello agradécese, nese senso, a colaboración por parte dos praceiros e praceiras e apélase a comprensión das persoas que acoden a realizar as súas compras á praza, polas pequenas molestias ou cambios que poden conlevar, a actuación.
Os traballos consistirán en primeiro lugar na limpeza da fachada exterior, piares, capiteis e baixantes, eliminando as manchas de humidade e pintadas. As obras comprenderán tamén a reparación da estrutura tubular metálica de cuberta, o mantemento dos piares de formigón, revisión, limpeza e reparación de arquetas, canalóns, baixantes… detectando calquera signo de dano e procedendo á reposición puntual dos elementos que o precisen. Impermeabilizaranse as zonas danadas e colocaranse gardacanos de aceiro galvanizado. A estrutura e os piares pintaranse en cor en gris.
A actuación contempla tamén a substitución das chapas das seis pirámides da cuberta, por seis lucernarios de placas de policarbonato celular translúcido, co que se gañará en luz natural na parte central do edificio. Tamén se levará a cabo a limpeza e pintado da cara inferior da cuberta en cor branca.
As obras están a ser executadas pola empresa tudense Impervelper, adxudicataria da licitación, co que o investimento realizado revirte dobremente na economía local.
Esta é a primeira fase das obras de reforma da Praza de Abastos de Tui, seguindo a folla de ruta establecida dende o Concello para pór en valor este espazo, e que a súa vez forma parte da estratexia urbana de converter a cidade nun lugar máis accesible e con mellor calidade de vida. O primeiro paso foi a diagnose do mercado levada a cabo co financiamento da Xunta de Galicia, dentro do plan de Mercados Excelentes. Un traballo que puxo de relevo o gran potencial que a Praza de Abastos ten como centro de comercialización dos productos de proximidade, polo que é urxente a súa adaptación ao novo modelo de mercados. O obxectivo é seguir avanzando para converter este mercado nun centro comercial atractivo e de referencia para o consumo local.
Para iso dende o Concello estase a traballar xa no deseño do anteproxecto da segunda fase das obras que suporá unha reforma integral do Mercado converténdoo nun punto de atracción e dinamización da zona. Está previsto que se poida executar con fondos procedentes da Unión Europea.