O alcalde de Vigo, Abel Caballero, avanzou este mércores en rolda de prensa que o primeiro valor que presentará a cidade na Feira Internacional de Turismo 2021 (Fitur) é o seu recoñecemento como a cidade española con maior calidade de vida, segundo un estudo recente da OCU.
En segundo lugar, sinalou, “poñeremos en valor a transformación da cidade, que é cómoda hospitalaria, co proceso de humanización e beleza da cidade”. En terceiro lugar, Vigo amosará os proxectos de mobilidade do programa Vigo vertical; en cuarto lugar, a “capacidade de atracción da hostalería, a gastronomía e os hoteis “da cidade”, amais do desenvolvemento cultural no ano de Xela Arias, que concentra numerosas actividades en Vigo.
Amais, o goberno municipal expoñerá a recuperación das festas de Vigo, o Marisquiño, o Nadal, a Reconquista, a calidade das praias de Vigo, con Samil e O Vao con sistemas de seguridade 1000×100 e que “somos un destino turístico especialmente bo para familias”.
Abel Caballero referiuse ao “soberbio plan de dinamización turística de Vigo” que leva o Concello a Fitur, tendo en conta que somos “unha potencia turística, con millóns de visitas e que temos toda a ambición do mundo no ámbito turístico”. Amais, apuntou a expectativa importante que o turismo deposita no verán que “vai ser bo; haberá economía e emprego”.