Tralos 14 premios internacionais que acadou o vídeo promocional da campaña 2019 da Deputación ‘Fame de Experiencias?’, agora o audiovisual de 2020 ‘Sigue o teu instinto’ comeza a súa andaina polos circuítos de premios turísticos “transitando polo mesmo camiño de recoñecemento”. A presidenta, Carmela Silva, anunciou que a cinta protagonizada pola actriz Celia Freijeiro “acaba de conseguir en Fitur o primeiro premio ao mellor produto turístico nos Fitur Travel Video Competition”. Ao galardón, que foi recollido esta mañá no Ifema pola deputada Ana Laura Iglesias e o equipo de Turismo da Deputación, presentáronse 86 cintas, foron seleccionadas 72 e á final chegaron a Deputación de Pontevedra, Palma de Mallorca e Valladolid, sendo a cinta da institución provincial a gañadora.
Con este recoñecemento ‘Sigue o teu instinto’ xa suma 4 premios internacionais, o acadado na categoría de Ecoturismo nos Golden City Gate de Berlín, onde competía con 122 películas de 23 países, e outros dous galardóns que xa foron comunicados pero que aínda non se poden facer públicos ao non seren anunciados. O director do Comité Internacional de Festivais Audiovisuais Turísticos (Cifft), Alexander V. Kammel, “achegouse ao persoal da Deputación que aínda está en Fitur, a deputada de Turismo e a xefa do servizo, para comunicarlles que os vídeos desta administración están namorando a todo o mundo”, sinalou Carmela Silva.
Moito que celebrar no paso da Deputación por Fitur
O premio a ‘Sigue o teu instinto’ non foi o único motivo de alegría do paso da Deputación de Pontevedra por Fitur. Na feira, a institución recolleu na gala celebrada na Galería de Cristal do Palacio de Cibeles as 11 Q de Calidade ás oficinas de atención turística adheridas á rede Info Rías Baixas, as 3 propias da Deputación (Palacete das Mendoza, Aeroporto de Vigo e Armenteira en Meis) e nas dos concellos da Illa, A Estrada, Cangas, Nigrán, Sanxenxo, Baiona, Caldas e Poio. Ademais, Pontevedra Provincia consolidouse como o primeiro destino en Sicted de España en número de establecementos distinguidos, e non só iso, senón que a traballadora de Turismo Rías Baixas Elina González acadou un dos Premios Sicted como a segunda mellor xestora deste distintivo de calidade en todo o Estado español.