A Universidade de Vigo xa está presente de xeito oficial no corazón da cidade. A institución inaugurou este luns o Edificio Redeiras, co cal se vai instalar no Casco Vello grazas a rehabilitación do inmoble. O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, e o alcalde de Vigo, Abel Caballero, acompañaron ao reitor, Manuel Reigosa, no acto celebrado no Berbés. Tras un investimento de máis de dous millóns de euros, estas novas instalacións servirán para achegar a universidade ás persoas.
Cunha superficie de preto de 1.500 metros cadrados, esta nova infraestrutura destaca pola súa ambición arquitectónica e pola aposta polo medio ambiente. O edificio foi, de feito, escollido como un dos 70 finalistas da XV Bienal Española de Arquitectura e Urbanismo.
“Hoxe facemos visibles dous compromisos coa cidade: a aposta pola rehabilitación, mellorando a contorna; e tamén coa universidade”, sostivo Feijóo durante o acto, incidindo en que Redeiras é un inmoble singular nun emprazamento emblemático, situado nas antigas casas mariñeiras do Berbés.
Aínda non hai data concreta de apertura ao público pero a reforma foi entregada oficialmente á Universidade de Vigo. Está previsto que este edificio sirva para que o alumnado poida informarse de xeito presencial da oferta formativa da institución académica sen ter que desprazarse ata o campus. Tamén acollerá cursos, actividades e exposicións. Actualmente, pódese visitar a mostra ‘Eu son UVigo!’.