A Xunta de Galicia, representada nos seus secretarios xerais de Política Lingüística e de Cultura, Valentín García e Anxo M. Lorenzo, respectivamente, e na súa na súa delegada territorial, Marta Fernández-Tapias Núñez, inaugurou este mércores na Delegación Territorial de Vigo a exposición itinerante Xela Arias. Asinamos ser libres, coa que a Consellería de Cultura, Educación e Universidade divulga, pon en valor e dá a coñecer entre a cidadanía a figura, a vida, a obra e o contexto histórico que lle tocou vivir á autora anfitrioa das Letras Galegas 2021.
Anxo M. Lorenzo, na súa intervención, referiuse á poeta, tradutora, editora e mestra Xela Arias como “unha das voces máis persoais da literatura galega contemporánea, que conecta coas xeracións máis novas dos creadores”. A inauguración foi seguida dun percorrido guiado pola mostra coa participación da familia de Xela Arias, representada no seu fillo, Darío Gil; a súa nai, Amparo Castaño e o fotógrafo Xulio Gil. A mostra pódese visitar de balde ata o vindeiro 22 de maio.
Xela Arias. Asinamos ser libres achega a figura da homenaxeada polas Letras Galegas 2021 a once localidades e bibliotecas públicas baixo a coordinación de contidos de María Xesús Nogueira, profesora, escritora, biógrafa de Xela Arias, e producción de Ouvirmos S.L.. Conta no seu deseño con fotografías de Xulio Gil, así como do Arquivo familiar Arias Castaño e do Arquivo Edicións Xerais de Galicia.
As pezas que conforman a mostra poden verse tamén en liña no Portal da Lingua Galega para percorrer, a través deles, a infancia de Xela Arias, a súa adolescencia rebelde, os seus primeiros textos poéticos, a conexión da súa poesía coa cultura e a sociedade do seu tempo (a literatura, a música, a fotografía, o activismo político…), o seu labor como tradutora, a experiencia da maternidade plasmada en Darío a diario, o seu derradeiro poemario publicado en vida Intempériome, o seu pasamento repentino e o seu legado. Trátase dun dos proxectos expositivos incluídos na ampla programación desenvolta pola Xunta Galicia arredor do 17 de maio.
Sarria e Pontevedra, próximas paradas
Logo do seu paso por Santiago de Compostela e Vigo, fará paradas entre os meses de xuño e xullo na Casa da Cultura de Sarria e na Biblioteca Pública Antonio Odriozola de Pontevedra. A partir de agosto a itinerancia prevista continúa na sede da Fundación Ramón Otero Pedrayo (Amoeiro, Ourense), na Casa da Cultura de Outes, nas bibliotecas públicas de Lugo, da Coruña e de Ourense, na Casa da Cultura de Boiro e na Fundación Curros Enríquez – Casa dos Poetas, Celanova, onde completará a finais de ano o seu paso polas catro provincias galegas.
Acompañando a mostra, o proxecto de video mápping posto en marcha pola Consellería de Cultura, Educación e Universidade no mes de maio para homenaxear a Xela Arias e visibilizar a súa poesía e as Letras Galegas 2021, continúa proxectándose nas fachadas dos espazos mencionados durante as itinerancias.