Todos sabemos que Xulio Verne evocou os fundidos tesouros de Rande, especie de caixa de reserva para o capitán Nemo, en «Vinte mil légoas de viaxe submarina». O que xa esquecemos é que o propio novelista estivo en Vigo. Imos, xa que logo, lembralo, segundo a versión do Faro:
«Case o mesmo tempo que o Flore soltou a áncora neste porto, presentouse cruzando a ría un bonito iate a vapor con pavillón francés; era o «Saint Michel Nantes», propiedade do popular novelista Mr. Xulio Verne, que con outros amigos vai de paso para o Mediterráneo onde pensa visitar algunhas vilas de España. O famoso novelista estivo onte á noite no paseo da Alameda e, máis tarde, concorreu ao baile da Tertulia onde pronunciou algúns brindes en español que foron contestados polo sr. Bárcena (D. Manuel) como presidente da sociedade. É indubidadle que Mr. Verne a que lle agradou moito a posición xeográfica de Vigo e a súa pintoresca campiña, leve á vez unha grata lembranza da sociedade viguesa que tivo ocasión de coñecer baixo un dos máis belos aspectos: nun baile da Tertulia».
Obedeceu a viaxe de Verne ao desexo de ambientarse, coñecendo a baía que describe na súa novela? En todo caso, cremos que o dato é digno de rexistrarse.
3 de xuño de 1878. Xosé María Álvarez Blázquez. «A Cidade e os Días. Calendario Histórico de Vigo» (Editorial Xerais, 2008).