«Se no ano 1811 fora recoñecida a imperiosa necesidade de dar ensanche á poboación de Vigo, desde entón creceu moitísimo máis a consecuencia dos elementos de engrandecemento que lle proporciona o seu magnífico porto e a especial condición de industrial e comercial… Tal é o aumento desta cidade que non hai xa un só palmo de terreo no que edificar, tendo que reducirse a vivir catro e máis veciños con numerosas familias en mesquiñas casas contra as regras da hixiene pública que prohiben o amoreamento de xentes nas moradas, como prexudicial para a saúde».
Comenta Faro de Vigo a seguir que moitos industriais estranxeiros desexarían instalar factorías na nosa cidade, atraídos polas súas inmellorables condicións naturais, a laboriosidade das súas xentes, etc., pero que non hai solares dispoñibles para ningunha clase de industria ou comercio, xa que non está permitido construír fóra das murallas.
Os propios veraneantes e os pasaxeiros das naves que aquí atracaban vense na necesidade de albergarse en vilas rurais da contorna por ausencia de fondas e vivendas en Vigo. Cómpre, pois, que con toda urxencia se autorice polo Goberno o proxecto da nova vila, gañando terreos ao mar á dereita e esquerda da Laxe, «xa sexa pola administración ou máis ben pola empresa, concedendo a esta a garantía e recompensas do custo das obras o mesmo terreo, previa unha debida apreciación do seu valor, fixando o tempo conveniente para a súa conclusión e dándolle facultades para que poida vender axiña os solares que desexen adquirir os que intenten edificar no bloque designado nos planos no terreo que hoxe ocupa o mar».
A rotura das ancrónicas murallas e o avance urbanístico sobre as augas -aínda non concluído- é un dos capítulos máis interesantes do nacemento do Vigo moderno, que reclama un demorado e curioso estudo. En todo isto tomou parte moi importante, como é sabido, don Emilio García Olloqui».
4 de xuño de 1854. Xosé María Álvarez Blázquez. «A Cidade e os Días. Calendario Histórico de Vigo» (Editorial Monterrey, 1960; Editorial Xerais, 2008).