Comeza a batalla de Pontesampaio. O mariscal Ney concentrara na Coruña un exército de 12.000 soldados de infantería, 1.400 de cabalaría e 26 canóns, con cuxa forza se dirixiu a Santiago onde se atopaba á fronte da súa o brigadier La Carrera. Este evacuou esa cidade, carente de defensas, e o 1º de xuño atopou en Caldas de Reis ao conde Noroña, que desembarcara en Vigo da fragata Efigenia cos rexementos de Hibernia e Cataluña e cabalaría do Algarve.
O 6 de xuño pasaba a división española por Pontevedra, con dirección a Vigo, pero ao chegaren a Pontesampaio atopáronse cortados, como quedaran desde o sitio de Vigo, os catro arcos da ponte. Aproveitando a marea baixa e empregando numerosas barcas, fíxose unha ponte provisional pola que as tropas conseguiron cruzar o río Oitavén.
«Acababan de cruzar o río os derradeiros soldados españois na madrugada do 7 de xuño de 1809 cando se presentan as avanzadas francesas do exército de Ney e ocupan a aldea de Pontesampaio… Na marxe esquerda tomaron posicións os españois, resgardados polas trincheiras que alí existían desde a reconquista de Vigo, artilladas por dous morteiros levados desta cidade e nove pezas de campaña, únicas cosas que contaba a división do Miño, que constaba de só 7.000 homes armados e 3.000 sen armas, toda xente inexperta, pero chea de ardor e resolución. As lanchas canoneiras de Vigo que enviara a Xunta, en unión doutras das fragatas de guerra inglesas do cruceiro, situáronse á esquerda da ponte rota de Sampaio coa fin de hostilizaren o inimigo na beira oposta… A vangarda española, mandada por don Ambroiso de la Cuadra, ocupa o paso de Pontecaldelas, dúas légoas río arriba da Pontesampaio, con parte do rexemento de Lobeira, que mandaba o comandante don José Joaquín Márquez. A dereita da división apoiábase nun terreo escabroso, dominando a aldea de Sampaio e, a ala dereita, amparada da ría de Vigo, estaba protexida tamén polas lanchas canoneiras. Moios paisanos do val do Fragoso concorreron a esta acción, capitaneados polos seus caudillos».
Ás nove da mañá chegou Ney co groso do seu exército e atopou o inimigo de fronte en plena batalla. Organízase entón un tiroteo incesante de parte a parte, que durou até ás tres da tarde, sen que os españois, ben atrincheirados, cederan un palmo de terreo. A cabalaría francesa intentou repetidamente vadear o río, sufrindo grandes perdas; aproveitando a baixamar, que obrigou ás lanchas a abandonaren as súas primitivas posicións, tamén a infantaría de Ney proba a atravesar a canle case seca, pero é rexeitada. Ante o reiterado fracaso, ordena Ney que a cabalaría intente o vadeo media légoa máis arriba a fin de realizar un movemento envolvente. «O valente xefe español Roselló, que gobernaba a imperfecta artillaría, dirixe os seus certeiros canonazos para impedir que a cabalaría francesa vadease a ría, causándolle grandes perdas que a obrigaron a se retirar despois de tres tentativas infrutuosas. Foron considerables as baixas que neste día sufriron os dous exércitos». (J. de Santiago, op. cit., páxs. 534-536).
Durante a noite fixeron os franceses un intento de cruzaren a ponte de Caldelas, pero foron rexeitados polo coronel La Cuadra.
7 de xuño de 1809. Xosé María Álvarez Blázquez. «A Cidade e os Días. Calendario Histórico de Vigo» (Editorial Monterrey, 1960; Editorial Xerais, 2008).