Os Bombeiros de Vigo denunciaron este martes o seu inmediato traslado do parque de Balaídos, onde vai comezar o derrubo da grada de Marcador, ás antigas oficinas da depuradora do Lagares, en Coruxo. «Son unhas instalacións que non cumpren os requisitos esixidos para este tipo de uso», aseguraron. Dende o colectivo critican que o goberno local non informase do cambio a unhas dependencias que «se atopan sen acondicionar a pesar de que dende o mediodía de hoxe acollen xa o servizo». Pola súa banda, dende o Concello sinalaron que informaron do cambio «formalmente» en marzo, unha primeira vez a comité e sindicatos, e que a comunicación reiterouse en abril.
Delegados de prevención de riscos laborais dos sindicatos con representación nos bombeiros de Vigo presentáronse a primeira hora da mañá nas antigas oficinas da depuradora do Lagares para comprobar que se estaba a facer o traslado de material dende o parque de Balaídos, que dende hoxe mesmo deixa de estar operativo.
Alí mesmo compareceron diante dos medios de comunicación para denunciar tanto o traslado como o xeito de facelo. «Non temos ningún tipo de información e son unhas instalacións baleiras, sen mobiliario, sen cociña, sen camas e sen sistema de comunicacións. O parque provisional tampouco está sinalizado e non conta con zona acondicionada para vehículos nin con medidas de tráfico para facilitar a entrada e a saída con seguridade», sinalou o delegado sindical Miguel Ucles.
Zona de protección ambiental
Segundo indicaron, o máis grave é que as instalacións están situadas a carón dunha zona de especial protección ambiental como a desembocadura do río Lagares, e non contan con sistemas para evitar verquidos. «Como bombeiros e como persoas concienciadas co coidado da natureza non podemos permitilo, porque aquí vanse lavar vehículos e materiais altamente tóxicos, sen que exista un sistema para recoller os verquidos, polo que van rematar nas marismas da desembocadura do río, que é unha zona de máxima protección ambiental», asegura Miguel Uclés, delegado da CIG.
Uclés lembrou que precisamente as instalacións foron sufragadas con fondos da Unión Europea para preservar o medio ambiente, «non para ubicar un parque de bombeiros, xa que ademais non reúnen as condicións necesarias para este tipo de uso». Tamén lamentou que o Concello non informase do cambio nin os sindicatos nin os traballadores. «Están a facer todo nun día, con total improvisación e sen preparación de ningún tipo», advirte.
«Guerra de egos»
Ademais, fixo fincapé en que os responsábeis municipais non contan cos informes preceptivos que xustifiquen o cambio de uso. «Din que é un traslado provisional mentres non se leva o parque á súa ubicación definitiva, pero o mesmo se dixo no seu día co de Balaídos e ao final estivemos 35 anos alí», engadiu.
Para o representante sindical o que está acontecer é un exemplo máis do «desprezo absoluto» do alcalde polo servizo de bombeiros, «como demostra a falta de persoal crónica que padece e que pon en risco tanto a seguridade dos propios traballadores como da veciñanza no seu conxunto». En canto aos motivos do traslado, sinalou a «guerra de egos» entre o rexedor e o presidente do Celta, xa que o baleirado das actuais instalacións de Balaídos tería que ver cos traballos de mellora das gradas.