Revolución Gloriosa, Desamortizacións ou Franquismo. Case que 3.000 estudantes vigueses tiveron esta complicada elección para iniciar este martes a súa proba de Acceso á Universidade (ABAU) do ano 2021. O exame de Historia foi o primeiro escollo ao que tivo que enfrontarse o alumnado que sae dunha complicada época marcada pola Covid-19 durante o último ano e medio.
Con este exame de Historia de España arrancaron ás 10.00 horas as probas da ABAU nas nove comisións delegadas dos campus de Vigo, nos que están inscritos 2.983 estudantes, e que o confirman como o primeiro de Galicia, seguido de Santiago con 2.768 e A Coruña con 2.669 estudantes matriculados.
A Facultade de Filoloxía de Tradución é nesta ABAU 2021 a comisión con máis estudantes, superando os 500, seguida pola Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais con 484 e o edificio de Ciencias Experimentais con 446. O resto de comisións sitúanse nas facultades de Ciencias Xurídicas e do Traballo, a Escola Universitaria de Estudos Empresariais, as escolas de Enxeñaría Industrial, Minas e Enerxía e Telecomunicación e o pavillón.
En canto á procedencia do alumnado que desde hoxe se examina no campus vigués para acceder á universidade, o concello de Vigo é o que maior número de estudantes achega, a esta edición da ABAU á que tamén concorre alumando de centros de Redondela, Soutomaior, O Porriño. Mos, Cangas, Moaña, Nigrán, Gondomar, Baiona, Ponteareas, Tui, A Cañiza, A Guarda, As Neves, Tomiño, Salvaterra e Mondariz-Balneario.