Quen lle ía a dicir á Editorial Elvira que no transcorrer do tempo —que é o pai do esquecemento—, ao cabo de pouco menos dunha década da súa fundación, en 2013, ía cultivar tantos éxitos e que conseguiría manterse á boia competindo coas grandes editoriais.
Coa vista atrás, é de destacar o empeño e o traballo incesante do seu editor e fundador, Javier Romero, apostando pola cultura cunha empresa moi arriscada fronte a unha sociedade na que priman as présas e na que o que máis se le é o breve, en moitas ocasións, sen ningún tipo de achega.
A Editorial Elvira ten no seu haber un numeroso catálogo no que destaca, sen dúbida, a obra do poeta Carlos Oroza, o buque insignia da editorial e cuxos versos musicó Luís Eduardo Aute: “Aute canta a Oroza”, un libro disco que Aute non chegou a poder presentar. Sen esquecer o concurso “Relatos na Rúa”, que vai na súa sétima edición, camiño da oitava, que comezou con titánicos esforzos para vencer a inercia da súa posta en marcha e que agora roda só.
A todas estas achegas culturais da Editorial Elvira súmase agora a obra “Que hostia din os rumorosos”, do grupo Rompente, formado por Antón Reixa, Manuel M. Romón e Alberto Avendaño, que formaban o “Grupo de Resistencia Poética” entre 1976 e 1983. Naqueles tempos, a súa produción realizábana con métodos case artesanais. Agora, ao cabo de corenta anos, volven reunirse ao redor da Editorial Elvira, que foi quen de levar á imprenta este novo proxecto que, sen dúbida, será un novo éxito editorial coas mensaxes rompedores dos mesmos autores de outrora.
O libro “Que hostia din os rumorosos” ten pouco menos de trescentas páxinas ademais de ser moi diferente aos demais. Ten unhas características de gran calidade en todos os seus detalles, moi bo papel e unha excelente maquetación, todo isto propio da Editorial Elvira. Inclúe fotografías, debuxos, poesías, prosa, e contidos difíciles de describir. O conxunto de obras que o forman non ten o máis mínimo desperdicio e consegue provocar grandes sensacións a quen decide penetrarse nas súas páxinas. Un libro moi recomendado cun título rompedor que tamén ilustra unha camiseta que pode adquirirse na páxina web da editorial.