O PSdeG-PSOE esíxelle a Feijoo que se Gonzalo Durán non dimite por vontade propia se lle abra expediente inmediato de expulsión do Partido Popular. “As e os socialistas de Pontevedra provincia esixímoslle ao PP tolerancia cero contra o machismo”, afirmou David Regades, secretario xeral provincial. “Gonzalo Durán non pode continuar ostentando a Alcaldía de Vilanova de Arousa baixo as siglas do Partido Popular nin un día máis”.
Así o afirma o secretario xeral despois da sentencia que condena ao rexedor como “autor responsable dun delicto de falta de respecto e consideración debida a autoridade no exercizo das súas funcións” por ter insultado á presidenta da Deputación, Carmela Silva, chamándoa “chacha para todo” en outubro de 2018.
Regades diríxese directamente ao presidente do PP galego, Alberto Núñez Feijo, para esixirlle que estea “á altura ética que esixen tan lamentables circunstancias” e abra de inmediato un expediente de expulsión a Gonzalo Durán “por pura hixiene democrática”, se é que o alcalde arousán non dimite. Un alcalde que cae tan baixo non merece ter cabida nunha organización política comprometida no respecto ao Estado de Dereito e ao imperio da lei”, engade o secretario xeral socialista. Considera Regades que de non abrirse ese expediente, o PP demostrará unha connivencia culpable cun cargo público condenado por comentarios machistas coa agravante da falta de arrepentimento, algo intolerable no debate político.
“O dereito á liberdade de expresión é o suficientemente flexible para articularse nun debate político e máis aínda no ámbito público, Durán sobrepasou tódolos límites”, explica o secretario xeral do PSdeG-PSOE. Os excesos verbais do alcalde arousán non son algo novo. Carmela Silva non só non lle tolerou os seus insultos, senón que quixo, coa denuncia interposta, poñer voz a tantas mulleres e tantos homes que son atacadas/os verbalmente polo machismo arraigado na sociedade. A Política, con maiúscula, ten que ter un carácter exemplarizante diante deste tipo de actitudes e, precisamente por iso, acudiu á Xustiza: para poñer freo a este tipo de condutas, que merecen o máximo reproche individual e colectivo.
Regades conclúe que a día de hoxe, Gonzalo Durán, é un alcalde condenado por utilizar o insulto machista no exercicio da política. “Fronte ao machista, o PSOE e o PP non poden ter rivalidade partidista; é un cancro que temos que extirpar, porque non ten que ver coas cores políticas; a sociedade non pode permitirse este tipo de actitudes que, ademais, son unha rémora para calquera organización política moderna comprometida coa igualdade de dereitos e obrigas no século XXI”.