O vigués Alberto Quian gañou o Premio de Xornalismo Científico Celia Brañas 2021 coa súa peza xornalística titulada “Ciclodextrina: la conexión entre “El Señor de los Anillos’ y la pandemia de covid-19”. O artigo foi publicado o 19 de agosto de 2020 no diario dixital El Salto
A Real Academia Galega de Ciencias (RAGC), coa colaboración da Xunta de Galicia a través da Axencia Galega de Innovación (Gain), concedeulle o galardón á mellor peza xornalística de carácter científico ou tecnolóxico. Presentáronse dezanove traballos de carácter informativo (xénero da noticia, crónica ou reportaxe), en formato escrito ou audiovisual, publicados ou emitidos entre o 1 de xuño de 2020 e o 20 de maio de 2021 en calquera medio galego (ou edición galega dun medio estatal), ben sexan diarios dixitais ou en papel, radio ou televisión. O premio entregarase nun acto que se celebrará o vindeiro martes, 29 de xuño, ás 19 horas no Pazo de San Roque de Santiago de Compostela.
O xurado tivo en conta neste traballo xornalístico, publicado nun medio nativo dixital, a oportunidade de facer coincidir unha investigación galega sobre a covid cun libro e triloxía cinematográfica de éxito como “El Señor de los Anillos”, o que lle engade atractivo didáctico, no marco dun xornalismo slow. Alberto Quian recibirá de premio unha dotación de 3.000 euros que irá acompañada dun diploma acreditativo.
Quian é doutor en Investigación en Medios de Comunicación, Premio Extraordinario de Doutoramento, e profesor asociado de Xornalismo na Universidad Carlos III de Madrid e na Universitat Oberta de Catalunya (UOC). “Estou moi honrado e agradecido por este premio», sinalou. «É un honor pasar a formar parte da historia destes galardóns e un inmenso orgullo ver recoñecido este traballo pola RAGC, máis aínda nun ano tan dramático no humano para todas e todos, pero tamén apaixonante, intenso e extraordinario no científico», engadiu.
Información sobre ciencia
Alberto Quian (Vigo, 1976) agradeceu especialmente a Rebeca García Fandiño o tempo prestado para trasladar ao público, dun xeito orixinal, o traballo que desenvolve o grupo de Química Computacional do CiQUS (Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares) da Universidade de Santiago de Compostela e manifesta toda a súa admiración polo traballo destas científicas e científicos.
«Quero salientar que a pandemia da covid-19 só é un dos moitos retos e desafíos para a humanidade. Temos outros tanto ou máis graves que enfrontar desde xa, como a crise climática ou a resistencia aos antibióticos, e moi probablemente, como xa nos está advertindo a comunidade científica, outra pandemia vírica chegará e deberemos tamén estar preparados. Por iso coido que é fundamental que informemos cada vez máis e mellor sobre ciencia, que lle expliquemos aos cidadáns como traballan os científicos, que falemos dos seus éxitos, pero tamén dos seus erros, sobre os que avanza a investigación científica. O xornalismo científico ten que seguir gañando protagonismo alén desta pandemia; ten que ser un dos piares para combater estas e outras ameazas, pero tamén a da desinformación», asegurou.
Por último, Alberto Quian dedícalle este premio a súa familia e ao catedrático Carlos Elías, da Universidad Carlos III de Madrid, “quen me alumeou polo camiño do xornalismo científico, tamén na docencia, e me animou a presentar este traballo a estes premios».