A programación que A Clásica tiña preparada para conmemorar o Día Europeo da Música a pasada fin de semana tivo que ser adiada por mor da choiva e celebrarase finalmente mañá sábado 26 de xuño cun concerto no Pazo Quiñones de León no que a orquestra ofrecerá unha xornada especial en colaboración coa Escola Superior de Arte Dramático de Galicia (ESADG), xuntando música clásica con textos de Xela Arias que serán interpretados por alumnado da ESADG.
O repertorio musical xirará en torno ao universo estilístico do clasicismo, antepoñendo a obra de W.A. Mozart cun descoñecido coetáneo compositor: Joseph Martin Krauss. O programa terá na abertura o Proserpin, de J.M. Krauss; a continuación o Divertimento en Re maior K.136, de Mozart; e para rematar a Sinfonía en Do menor de J. M Krauss.
O concerto comezará ás 19:00 horas con entrada libre ata completar o aforo previsto para 350 persoas. O punto de encontro será a entrada principal do pazo, e o concerto celebrarase na Solaina Concepción Arenal cunha duración aproximada de 1 hora.
Concertos de Verán nos barrios da cidade
A programación de verán que a orquestra organiza en colaboración co Concello de Vigo arrancará este domingo 27 de xuño ás 21:00 horas cun concerto da Sección de Percusión d’A Clásica, que se desenvolverá no barrio de Navia. Será, en concreto, na praza situada a carón do número 18 da rúa Teixugueiras,
O 10 de xullo serán as veciñas e veciños do barrio de Barreiro os que gocen dun concerto con formación de orquestra clásica que se celebrará tamén a partir das 21:00 horas no Parque de Barreiro.
E o 25 de xullo, A Clásica celebrará o Día de Galicia en Alcabre, cun concerto na Praia de Carril, concretamente detrás da igrexa. Será ás 21:00 horas con formación de corda, vento a dous e percusión.
Todos os concertos deste ciclo contarán cunha acción previa que se desenvolverá sempre a partir das 20:15 horas e que permitirá que a rapazada participe nunha actividade divulgativa que acompañará á proba de son. As entradas en todos os casos, son de balde con acceso controlado.