A XLVII edición da Feira do Libro de Vigo abriu este xoves as súas portas tras o acto de inauguración no que participaron o conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, e o alcalde, Abel Caballero. A clásica cita co libro na cidade estará aberta ata o 10 de xullo, ofrece descontos do 10% e acollerá diferentes actividades, sinaturas de libros e encontros con escritores.
Caballero convidou a toda a cidade que “acuda aquí, que veñan á rúa do Príncipe, paseen polas casetas, se poden que merquen un libro ou que se acheguen a saudar ás libreiras e libreiros”, a quen agradeceu o seu labor e a súa proximidade aos lectores e á cidade.
Pola súa banda, o representante da Xunta destacou que a parada de Vigo é unha das máis importantes do circuíto e na que cobra un significado especial polo papel da cidade como “motor intelectual e creativo” da nosa cultura. “A literatura atravesa cada recuncho de Vigo desde a ría ata as rúas da cidade grazas ás verbas de autores como Xulio Verne, Domingo Villar ou Eduardo Blanco Amor”, afirmou antes de engadir que a literatura e a arte por extensión, “son parte vital da historia e da identidade olívica”.
O Concello de Vigo participa cunha caseta da Biblioteca Municipal Neira Vilas que terá unha selección da literatura e cine relacionada co mundo do deporte por mor dos Xogos Olímpicos de Tokio. Ademais, as persoas que se acheguen ata o espazo poderá xogar ao Rosco Bibliolímpico. Por outra banda, tamén por terceiro ano consecutivo haberá unha caseta do Centro de Documentación e Recursos Feministas de Vigo para a difusión dos servizos e actividades do centro e fomentar a cultura da igualdade.
A cita de Vigo celébrase ao abeiro do acordo asinado entre o Goberno galego e a Federación de Libreiros de Galicia, a través do que a Consellería de Cultura, Educación e Universidade colabora con 120.000€ na celebración das 12 citas que compoñen este ano o calendario, catro máis que o ano pasado. Tras Ferrol, Santiago, O Porriño, Ourense e Redondela, o percorrido continuará por Ponteareas, Rianxo, A Coruña, Viveiro, Foz e Monforte de Lemos. Ademais destas citas, o sector literario de Galicia tamén estará nas Feiras Liber, en Madrid, e de Frankfurt, previstas para o vindeiro mes de outubro.
10% de desconto en todos os libros
Esta nova edición estará aberta ata o vindeiro sábado 10 de xullo na rúa Príncipe en horario de 11,00 a 14,00 e de 17,00 a 21,00 horas. Ao longo destas xornadas os asistentes poderán gozar dun 10% de desconto en todas as súas compras. Ademais, contarán coa asistencia de máis de 60 autores entre os que se atopan Arantza Portabales, Ledicia Costas, os integrantes do grupo Rompente, Carlos Méixome, Raquel Miragaia, Suso Bahamonde, María Lado, Beatriz Cabaleiro ou David Lorenzo, entre outros.
Así mesmo, haberá un espazo específico para as librarías Nobel Gran Vía, Libros para Soñar, Casa del Libro, Libraría Cortizas, Librouro, A Gata Tola, Libraría Pedreira, a Editorial Planeta, o Centro de Documentación Feminista de Vigo ou a Biblioteca Municipal Neira Vilas.