As figuras de Elena Casal (árbitra), María José Martínez Patiño (atleta), Susana Rodríguez Gacio (triatleta), Carolina González Portela (futbolista) e Carla Abad (balonmán) xa locen nas medianeiras de Vigo. Trátase da obra do colectivos Expostas, que xa está rematada na rúa Mestre Chané número 9, dentro do VII Programa municipal de arte na rúa, que suma xa preto de 150 creacións en toda a cidade.
O alcalde, Abel Caballero, explicou en rolda de prensa que a medianeira é a “nosa mensaxe e a homenaxe” ás mulleres deportistas da cidade representadas polas cinco figuras destacas do deportes vigués.
O colectivo Expostas, conformado por Vanesa Álvarez, Lorena Arévalo, Cristina Navia e Susana Maceiras, asina esta obra de arte na rúa incluída no VII Programa municipal de medianeiras co que o Concello conseguir “rexenerar zonas enteiras da cidade. É un programa de arte na rúa importantísimo porque é unha forma de recuperar, rexenerar e humanizar a cidade”.
15 novas obras
Este ano o programa inclúe 15 novas obras asinadas por 15 artistas: AEC Interesni Kazki na Rúa José Fiaño Señor, 12; Elisa Capdevila en Travesía de Vigo, 85; SAN (Daniel Muñoz), en Paulino Freire, 1; Expostas (Vanesa Álvarez, Lorena Arévalo, Cristina Navia e Susana Maceiras), en Mestre Chané, 9; Honey (Miguel Cajaraville), Beiramar, 115; ARYZ (Octavi Arrizabalaga) en Pablo Iglesias, 20; Xoana Almar no CEIP Emilia Pardo Bazán; Taquen en Avenida Balaídos, 31; Fundación Igual Arte, no muro Urbanización Sotavento (Paseo de Bouzas); Amaia Arrazola no Pavillón Carballal; Ana Taratiel no IES O Castro; Dispersa (Alejandra Tomei) nas escaleiras Quintela en Castelao; Roberto Argüelles no Muro CEIP Mestres Goldar; Davida (David Amoedo) nas escaleiras de Seara e The Caver (Nuno Barbedo) nas escaleiras de Hispanidade.
Abel Caballero sinalou que o Concello leva realizados “preto de 150 murais na cidade, sendo xa unha das cidades europeas con máis arte na rúa”.