O Bloque Nacionalista Galego volveu urxir solucións para blindar o futuro do sector naval de Vigo, instando os gobernos galego e español a actuaren para evitar a definitiva desaparición dos estaleiros Vulcano e Barreras.
O concelleiro do BNG de Vigo, Xabier P. Igrexas, puxo en valor o acordo unánime atinxido onte no Parlamento galego, a través dunha iniciativa da deputada nacionalista, Carmela González, para esixir que a nova concesión portuaria para o antigo Vulcano estea condicionada a un proxecto industrial de construción ou reparación naval.
Igrexas reclamou ao presidente da Autoridade Portuaria de Vigo, Jesús Vázquez Almuiña, a actuar en coherencia co «mandato unánime» da cámara galega poñendo fin á campaña iniciada polo seu predecesor no cargo, Enrique López Veiga, contra o estaleiro de Teis. «Onte grazas ao BNG o Parlamento galego dixo de maneira firme e clara que nas centenarias gradas do antigo Vulcano teñen que volver construírse e reparse barcos. É momento de decisións en favor do naval, como peza fundamental da industria portuaria,e non de ofrendas á Virxe do Carme», advertiu.
Situación límite
O portavoz municipal nacionalista volveu insistir na denuncia da «situación límite» que atinxe o conxunto do sector naval de Vigo, tanto pola incerteza en Vulcano como polo «momento crítico» que atravesa Barreras. «Estamos a ver síntomas moi claros dun risco real de que Barreras, que é o principail estaleiro privado do Estado, poida liquidarse», alerta.
Desde a fronte nacionalista reclaman á Xunta de Galiza e mais ao Goberno español «actuar xa para evitar o desastre», despregando unha intervención pública directa que asegure a contnuidade da actividade e do emprego. «Non podemos permitir a desaparición definitiva de Vulcano e Barreras, porque sería un golpe letal ao futuro indiustrial de Vigo».
O BNG anunciou publicamente que participará na manifetación comarcal convocada pola CIG en defensa do sector naval, e que decorrerá na tarde de hoxe nas rúas de Vigo.