Os usuarios de redes sociais dispoñen desde este mes de xullo de novas ferramentas para divulgar o Camiño de Santiago e o Xacobeo 2021. A Xunta presentou hai tan só uns días un centenar de gifs e stickers cos que os peregrinos poderán compartir as súas experiencias cunha linguaxe desenfadada e divertida. Entre estas novas creacións destaca “Cunchiña”, a mascota do Xacobeo nas redes sociais.
A nova serie de imaxes dixitais permitirán aos peregrinos describir as súas experiencias no Camiño ou nos albergues, compartir as súas vivencias e narrar as súas aventuras botando man destes recursos que xa están subidos a WhatsApp, Facebook, Instagram ou Telegram. Hai, por exemplo, 32 “cunchiñas” para cada estado de ánimo que os peregrinos sintan ao longo do seu percorrido.
“Con estas ferramentas énchese un oco necesario, porque queremos que a xente que veña a Galicia cónteo, e queremos axudarlles a contalo. Deste xeito cubrimos un espazo que criamos necesario encher”, subliñou o vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda.
A experiencia virtual do Camiño será un complemento da experiencia auténtica, cada día máis numerosa. Ademais de atopalo nos buscadores, os camiñantes poderán obter estes recursos nesta ligazón.