Percorrer a senda fluvial que transcorre a carón do río da Fraga, situado preto do Monte Baredo, en Baiona, é unha actividade do máis atractiva tanto para a veciñanza de Baiona como para todas as persoas amantes da natureza que se achegan ao municipio do Val Miñor, un fermoso enclave que conta agora coa prolongación da súa pasarela gracias a unha achega de 167.300 euros do Plan Concellos da Deputación de Pontevedra. Este martes, os deputados provinciais Carlos Font e Santos Héctor visitaron o novo paseo xunto a Carlos Gómez, alcalde de Baiona, e Óscar Martínez, primeiro tenente de alcalde.
As obras realizáronse dende a ponte situada no lugar de Carballo de Aba ata a denominada Torre e permitiron alongar 500 metros o paseo construído polo concello. Neste novo trazado deuse continuidade á pasarela existente, realizada en madeira de pino silvestre e formada por unha varanda e unha tarima de taboleiros con postes de madeira situados sobre o terreo ou fixados con parafusos á rocha.
As características da zona dificultaron o acceso polo que a maior parte deste novo trazado foi construída por medios exclusivamente manuais. As actuacións completáronse co axardinamento dun terreo situado nesta zona e que se atopaba sen cultivar e a rebaixa da cota dos pozos sobre os que discorre o paseo.
9,3 millóns de euros
A ampliación do paseo fluvial de Baredo é un exemplo máis da aposta da Deputación de Pontevedra polo concello de Baiona, que recibiu nos últimos seis anos máis de 9,3 millóns de euros da institución provincial. Neste senso, destacan as múltiples subvencións que chegaron a través do Plan Concellos, que este ano aportará ao municipio preto dun millón de euros, e que fixeron posible a recente reforma do mercado multiusos de Sabarís (629.200 euros), a renovación do céspede artificial e pista de atletismo na instalación deportiva municipal do Aral (265.450 euros) ou a financiación provincial da contratación de 148 persoas traballadoras. Ademais, a avenida urbana de Sabarís veu mellorada a súa mobilidade e seguridade grazas a unha achega de 290.000 euros do Plan Deporemse.