O comité organizador do XV Encontro de Embarcacións Tradicionais, que estaba previsto celebrar en Moaña do 5 ao 8 de agosto, anunciou este mércores que se ve obrigado a suspender a cita debido á evolución da Covid-19. Os tres organismos que forman parte da organización, Culturmar, Concello de Moaña e a Asociación Cultural e Recreativa Sueste, consensuaron de forma unánime a cancelación.
A decisión chega despois do cambio de situación epidemiolóxica do Concello de Moaña, que pasa de nivel medio de restricións a nivel alto. A tendencia á alza dos datos de casos activos en Moaña e na área sanitaria de Vigo, ante unha posible entrada no nivel extremo na vindeira semana, obrigou ao comité organizador á suspensión. «Non se dan as circuntancias favorables para desenvolver con plenas garantías o XV Encontro de Embarcacións Tradicionais de Galicia», sinalaron.
Desde a organización explican que levan máis dun ano traballando no evento, intentando por todos os medios e ata o último momento celebrar o Encontro. «Contribuiría a dinamizar a economía local, a que Moaña desfrutase da cultura e do patrimonio marítimo pesqueiro galego, a mostrar a quen nos visitase a nosa esencia de vila mariñeira; mais a situación sanitaria na que está inmersa Galicia fainos tomar unha decisión difícil e complexa», sinala.
«Somos conscientes de que hai tripulacións e delegacións que xa están en camiño, persoas voluntarias comprometidas coa celebración, colectivos e entidades colaboradoras, por iso lamentamos moito as molestias que lles poida ocasionar esta suspensión e pedimos desculpas polas mesmas», engade.
A organización agradeceu e recoñeceu «a todas persoas, entidades e patrocinadoras desta edición o seu compromiso e a súa colaboración«.