O peirao que utiliza o ferri para unir Galicia e Portugal está pechado desde o pasado 27 de xullo e A Guarda quedou de novo sen conexión con Caminha, tan só quince días despois de retomar as viaxes que estiveron paradas seis meses. O goberno local explica nun comunicado que o día 23 de xullo o patrón do ferri «Santa Rita de Cassia» detectou un escoramento anormal na plataforma de atraque do transbordador entre A Guarda e Camiña, feito que se puxo, de forma inmediata, en coñecemento dos responsables de portos de Galicia, na actualidade propietarios e xestores da estrutura.
A partir do día 27 de xullo, Portos de Galicia pechou a instalación para facer reparacións de urxencia co obxectivo de recobrar a estabilidade da plataforma. As reparacións remataron, segundo as informacións que ten o concello, o 29 de xullo, sinala o Concello. «A pesar de que remataron as obras, Portos mantén pechado o acceso ao peirao e o ferri segue sen poder funcionar», asegura o Concello.
Dende Portos comunicaron ao Concello que non se permitiría o uso da plataforma para o transito de ningún tipo de vehículo debido ao estado avanzado de corrosión que coloca a estrutura nun nivel de servizo inferior a aquel para o que foi deseñado. Desde A Guarda lembran que desde 1995 o Concello paga unhas taxas á Xunta, que dependen do número de pasaxeiros e de vehículos que utilicen o transporte, para poder usar a plataforma de atraque.
En vista da urxencia da situación o Concello da Guarda dirixiuse a Portos de Galicia solicitando que abra de novo o peirao do ferri e que poida comezar a funcionar o transporte. «Hai que ter en conta que é neste mes de agosto cando máis demanda hai deste transporte transfronteirizo entre A Guarda e Camiña», apunta. Tamén sinala que solicitou a portos de Galicia a que faga as reparacións necesarias na plataforma para que, a maior brevidade posible, poidan embarcar de novo vehículos dado que o transporte de vehículos é a principal demanda a hora de cruzar o esteiro do Miño en ferri.