O Revoltallo Fest celebra a súa edición número 28 na contorna do Centro Veciñal e Cultural de Valladares entre o venres 10 e o domingo 12 de setembro. Rock, pop, electrónica e unha morea de actividades para toda a familia danse cita nunha fin de semana de cultura e diversión nun entorno privilexiado. O Revoltallo ofrece “música segura” nun formato que combina sesións vermú e sesións solpor. A entrada é de balde ata completar aforo.
A programación comeza o venres ás 21:00 horas coa música de MJ Pérez. Seguirán ás 22:00 horas Los Naipes e Holywater serán os encargados de encher a parroquia de auténtico rock and roll ás 23:00 horas. A fin de festa corre a cargo de Goaliza, a partir das 00:00 horas.
O sábado tocaralle inaugurar o escenario da sesión vermú ás 12:30 h ao acústico de Lardelúa, quen compartirán aperitivo con Enxeito (13:30 horas). A música continúa pola tarde, abrindo co artista de Ribadeo Bandallus Aquaticus (20:00), o indie de Tomiño Babieca (21:00), a presentación do novo traballo da mítica banda Cró! (22:00), concerto que acompañarán dun novidoso espectáculo lumínico, Grande Amore (23:00) e o peche con Dj Paco Nonovo (00:00).
O domingo, a música soará dentro do auditorio do Centro Veciñal e Cultural de Valladares ás 18:00 horas con CRNDS e Fransy González e ás 19:00 horas co jazz de Xan Campos Trío.
O Revoltallo, festival decano de Vigo, naceu na década dos noventa da idea de incluír estilos tan diferenciados como o indie, o tecno e o hardcore, cun presuposto moi limitado pero defendendo ano tras ano o seu humilde cartel ante os seus máis acérrimos seguidores. Esta é a XXVIII edición ininterrompida que aposta polos novos intérpretes galegos.