Don Bernardo González del Valle, retirado ao seu solar natal, escribe ao secretario do despacho de Facenda esta incrible carta:
“Cachamuíña, 18 de 7ro de 824 -Dn. Luís López Ballesteros-. Curmán e moi señor meu de todo o meu aprecio: Extraxudicialmente souben da boa saúde de Vmds, que Ramón e outro irmán están no servizo da armas, que Diego está colocado na coviña e que dúas curmás están en estado; se todo é certo e con gusto de Vm. E da curmá a.c. se servirá de me ofrecer, doulle a en hora boa. Deixei de escribirlle varias veces por non incomodalo ni distraelo dos seus amplos asuntos; fágoo agora participándoo de que estamos alistándonos Pepita e máis eu para marchar a Valladolid no seguimento da apelación do preito para onde sairemos dentro de oito días, pero como temos que ir a Santiago e Coruña para amañar algunhas cousas e ver se atopamos algunhas cartas para aló e coche, é probable que non cheguemos aló até comezos do mes que vén; agardo da súa amizade que se tivese algúns amigos ou algún de Vm. Nesa os tivese, nos proporcione as que poida a fin de introducirnos e facer valer a xustiza”.
“Inclúo a Vm a adxunta que me remite e recomenda o meu irmán o prior de Camanzo, que por outro non o faría, se Vm. sen violencia puidese servirlle, agradeceríallo porque é bo suxeito”.
“Sírvase de me dispensar a franqueza e dispoña canto guste do seu apaixonado e agradecido curmán que con milleiros de cariños de Pepita para a curmá e as nenas, se repite ás súas ordes con afectos de Brea e B.S.M. Bernardo González.”
E sucedeu que Cachamuíña, acostumado a gañar batallas, perdeu o seu preito por causa daquel morgado ao que aludiamos datas atrás. Co preito, tamén perdería un bo caudal, xa que catro anos máis tarde e un despois de fallado o asunto en favor do seu parente D. Manuel Ballesteros, acode de novo o primo influínte nestes termos:
“Santiago, 7ro. 5 de 828,- Sor. Dn. Luís López Ballesteros.- Curmán e Sr. de todo o meu aprecio e respeto: agora que me vexo estreitado polas contas, vállome, como acostumo, do favor e patrocinio de Vm. a fin de que se teño que cobrar os meus soldos atrasados, creo que será a mellor ocasión por atoparse monxe de intendente de exército nesta e coa orde de Vm. non dubido do cobro.”
“O andaluz tróuxolle cartas desa a este xeneral, este oficioume presentarme nesta, verifiqueino a comezos do mes pasado e aquí estou coa liquidación das contas sen que me queiran aboar os alimentos das miñas cuñadas nin o que se Vm. ten a bondo polo meu sogro, subindo todo de corenta mil reais polo que se Vm. ten bondade de dar a orde para que se me satisfaga nesta caixa, hoxe segundo me din hai diñeiro coa rebaixa de soldos.”
“Sírvase Vm. de me dispensar tanta incomodidade, xa que como non teño outro pai, a Vm. recorro en todos os meus apuros e vivirá eternamente agradecido so seu recoñecido e apaixoanado curmán que B. a Vm. L. M.- Bernardo González “(Arquivo Libraría Monterrei).
Triste sorte a do popular heroe vigués, perseguido e encarcerado no período constitucional, vencido e arruinado no preito do morgado, mendigando, en fin, o pago dos seus haberes atrasados! Non sen pena recuperados estes testemuños inéditos da vida dun home benemérito a quen se recompensou cun simple ascenso.”
Máis sorte semellou ter o seu irmán Luís González de Cachamuíña- xa que é como asina nas súas cartas-, que foi cabo de mar do resgardo de Cádiz, tenente de cabalaría, tamén do resgardo, en Málaga e ascendeu a tenente coronel. Claro que, ao igual que D. Bernardo, foi detido en 1820 e, ao obter a liberdade, pediu a separación do servizo, retirándose aos nativos lares.
18 de setembro de 1824. Xosé María Álvarez Blázquez. «A Cidade e os Días. Calendario Histórico de Vigo» (Xerais, 2008).