Onte presentouse no Teatro Circo Tamberlick o xenial violinista Pablo Sarasate que, na plenitude das súas facultades, comeza a súa xira triunfal por Galicia, a terra da súa nenez, tan amada por el. O público vigués seguiuno con entusiasmo, raiando o delirio, o magnífico concerto no que interveu tamén o sexteto do mestre Arche. Hoxe ten lugar a súa despedida cunha segunda actuación, baixo o seguinte programa:
- 1. Pique Dame, obertura, de Suppe.
- 2. Minuetto (para unha soa corda), de Bolzoni.
- 3. Fantasía sobre motivos da ópera Vésperas sicilianas, de Verdi.
- 4. Cleopatra, intermedio sinfónico, de Mancinelli.
- 5. Segundo concerto para violín (Allegro, Romanza, Finale a la Zingara), de Wieniawski.
- 6. Mignon, obertura, de Thomas.
- 7. Fantasía sobre motivos de Fausto, de Sarasate.
- 8. Matilde, gavota, de Espinosa.
Fóra do programa, en correspondencia ás entusiastas ovacións do público, interpretou o Zapateado e a Muiñeira da que era autor.
Neste mesmo mes actuou Sarasate en Pontevedra, cidade da que gardaba entrañables lembranzas, xa que nela pasou parte da súa nenez, segundo nos relata na súa amigable prosa don Prudencio Landín. Vale a pena transcribir algúns parágrafos deste capítulo, reveladores da emocional vinculación do grande violinista coa terra galega.
“Aquel excelente director de bandas militares, don Miguel Sarasate- pai de Pablo- que percorreu diferentes cidades españolas ao compás dos frecuentes cambios de guarnicións, veu a Pontevedra en 1852. Aquí residiu uns cantos anos dirixindo a banda do rexemento de Aragón. A nai de Pabliño, dona Paca Navascués, interesouse grandemente en que o rapaz aprendese solfexo, advertida sen dúbida desas manifestacións incipientes que as mulleres intelixentes albiscan e sosprenden nos seus fillos.”
“Trabaron don Miguel e dona Paca coñecemento, acaso por motivo da veciñanza no barrio da Eiriña, co músico Urbano Casasvellas a quen encomendaron as primeiras ensinanzas artísticas de Pabliño. Tiña entón o neno oito anos e segundo Casasvellas era dócil e reservado, arrogante e un tanto presuntuoso…Dicía Casasvellas que as camiñadas obrigadas da familia Sarasate eran a Alameda e as estradas de Poio e Marín. Lembraba que Pablo, con outros elementos, tomou parte tocando o violín nunha festa benéfica celebrada no desaparecido teatro da praza de Teucro, onde anos máis tarde estivo instalada a Sociedade Económica. Esta intervención de Sarasate tivo que referirse a despois de 1852, cando veu don Miguel destinado por segunda vez a Pontevedra. Xa Pablo recibira en Santiago as primeiras leccións instrumentais que tivo ao seu cargo o violinista da catedral, José Curtier”.(P. Landín, op., I, 89-95).
Infórmanos, en fin, o citado escritor que Sarasate actuou como neno prodixio na casa de Méndez Núñez, en Pontevedra, onde se rendía intelixente e fervoroso culto á arte; que, cando cargado de gloria, volveu a Pontevedra, neste ano de 1886, o seu primeiro coidado foi buscar o vello mestre Casasvellas; que o excelente pianista pontevedrés Carlos Sobrino acompañou Sarasate nestas xiras triunfais por Europa e América. E contra Landín que saudou a Sarasate e o Sobrino en Biarritz nos derradeiros días do violinista, o cal lle falou en termos exaltados de Galicia e en especial de Pontevedra. “sempre que se refire a Galicia, exprésase así, interrompeu Sobriño”.
Non é de estrañar que o mellor obsequio de Sarasate aos vigueses, que tanto o aplaudiron, fose o regalo da súa Muiñeira.
25 de septiembre de 1886. Xosé María Álvarez Blázquez. «A Cidade e os Días. Calendario Histórico de Vigo» (Xerais, 2008).