O mestre de campo, D. Gregorio de Pazos y Figueroa, de rancio solar vigués, sendo cabo do porto, fronteira e praza de armas de Vigo, apreixa coa súa xente “pola forza de armas… un navío de portugueses rebeldes que vindo do Brasil cargado de azucre, aportou co temporal á ría de Vigo”.
Por mor desta presa prodúcese un longo e accidentado preito por cando o capitán xeneral de Galicia, o marqués de Valparaíso, privou dos seus dereitos á tripulación que a efectuou, comezando polo propio Cabo de mar que dirixira a operación. Alegaba para isto o capitán xeneral que D. Gregorio de Pazos non contara coa debida autorización e non tiña parente de armador en corso e, en fin, non se atopaban as tripulacións do seu mando cubertas de xeito legal. Con tales argucias, o marqués de Valparaíso, apropiouse a parte que a aqueles pertencía.
Díxose tamén que o barco apreixado en Vigo traía un importante cargamento de ouro, prata e perlas, que don Gregorio e os seus ocultaron para non dar parte á coroa. O feito certo é que D. Gregorio de Pazos y Figueroa se viu desposuído dos seus cargos de mestre de campo e cabo do mar en Vigo, cargo este último que estivera vinculado á súa familia e que desempregaron antes ca el o seu pai e o seu avó. Semella probado que algún dos homes que interviñeron na presa se apropiaron de determinados obxectos que atoparon na cuberta, aínda que tamén é verdade que tales presas eran consideradas lícitas. Don Gregorio perdeu, non só os empregos anteditos, senón grande da súa facenda en litixio, que durou varios anos e cuxo fallo non puidemos investigar.
O licenciado D. Fernando Ortiz de Valdés publicou co seu nome unha alegación de densísima doutrina titulada “Fundamentos jurídicos históricos i militares en defensa de la justicia del Mestre de Campo D. Gregorio de Pazos i Figueroa, respondiendo a las acusaciones que le hace el Fiscal del Consejo de Guerra, i representando los agravios que en la Reputación, Hacienda i Acrescentamientos le ha causado el Marqués de Valparaíso, sobre la pressa que hiço de un Navío de Portugueses rebeldes el dicho D. Gregorio, en la ría de Vigo, siendo Cabo deste Puerto, Frontera y Plaça de Armas. Puestos en las Reales Manos del Rei nuestro señor”.
Volvendo á acción que orixinou o preito, consignemos que o propio D. Gregorio de Pazos apreixara no ano anterior, isto é, en 1640, outro navío portugués na ría de Vigo. O marqués de Valparaíso denunciou á superioridade que D. Gregorio quitara do Contento- xa que este era o nome da nave- “tres barricas de virlimbaos e outras teas e levounas para a súa casa”, pero o acusado replica que “coa certeza de que lle había de tocar a porción de denunciante, pediu esas tres barricas, que restituíu despois, se ben faltaron vinte e unha pezas de virlimbaos, que se lle descontaron da parte que lle pertenceu…; presúmese vehemente que os gardas a cuxa protección se fiou o navío roubaran aas pezas”.
Non é de estrañar que con tanto “virlimbao” o preito tivese moita tea que cortar. En canto ao azucre da segunda presa, ben que llo amargou o de Valparaíso a D. Gregorio de Pazos y Figueroa!
3 de outubro de 1641. Xosé María Álvarez Blázquez. «A Cidade e os Días. Calendario Histórico de Vigo» (Xerais, 2008).