A Eurocidade Cerveira-Tomiño continúa coa súa xeira de Roteiros do Miño 2021, un proxecto co que se busca dar a coñecer camiñando a riqueza paisaxística, cultural, patrimonial, ambiental e natural existente a ambas beiras do Miño.
A seguinte actividade será o vindeiro domingo 10 de outubro, coa ruta Alto da Pena, unha andaina de aproximadamente 9 quilómetros de distancia, circular e de dificultade moderada na que as persoas participantes poderán gozar das deslumbrantes paisaxes cara ao Val do Miño e o seu esteiro.
A ruta comezará na Capela da Nosa Señora Da Pena, en Loivo, ás 09.00 h (hora portuguesa) e chegará ata o punto máis alto de Vila Nova de Cerveira, o Alto da Pena, de 644 m de altitude. A partir de aí durante todo o descenso poderá verse a paisaxe que brinda o río Miño ata volver á capela arredor das 13.00 horas (hora portuguesa).