O novo espectáculo do grupo de comunicación poética Rompente, integrado por Alberto Avendaño, Antón Reixa e Manuel M. Romón, chega o domingo 14 de novembro a Vigo (Museo Marco, 13.00 horas). A obra, titulada ‘Algo que levar á boca’, xira por oito cidades de toda Galicia. Corenta anos despois e cunha proposta interdisciplinar na que se mestura poesía con proxeccións audiovisuais, os tres activistas de cultura galega ofrecerán un recital de máis dunha hora de intensa palabra poética articulada con accións escénicas, xestuais e construíndo unha polifonía de voces na máis pura esencia do histórico e vangardista Rompente.
O espectáculo inclúe a meirande parte dos textos do seu último libro, ‘Que hostia din os rumorosos?’ (Editorial Elvira, 2021). Trátase dun volume de poesía ilustrado por Menchu Lamas e Antón Patiño, con poemas inéditos, na súa maioría, e estruturado en catro partes: ‘Derrotas’ (Manuel M. Romón), ‘Carallo29!’ (Alberto Avendaño), ‘Room Service’ (Antón Reixa) y ‘Rompentres’ (textos conxuntos dos tres).
Coa colaboración da Xunta de Galicia e do Xacobeo 21-22, o espectáculo pasou xa por Pontevedra, A Guarda, Lugo, A Coruña e Vilagarcía e chegará nas próximas semanas a A Estrada e Ferrol. No caso de Vigo, o acceso é libre e de balde ata completar aforo. Todos os espazos respectarán o protocolo Covid-19 vixente no momento da actuación.
“Comezamos en 1976 e estivemos facendo cousas ata 1983. Cando o deixamos, refuxiámonos noutras actividades. Aquela época, que coincidía cos primeiros tempos da autonomía, en Galicia predominaba unha especie lirismo veneciano. Co paso dos anos, deu a volta. A poesía galega actual ten moitas cousas coas que nos sentimos identificados. É un momento idóneo para volver a xuntarse e seguir experimentando”, afirma Antón Reixa.
A vangarda como opción revitalizadora
Ao longo de sete anos, Romón, Reixa e Avendaño mantiveron viva unha actitude literaria inédita en Galicia. En colaboración con músicos como Julián Hernández (Siniestro Total) ou artistas plásticos como Menchu Lamas ou Antón Patiño, realizaron múltiples representacións, editaron varios libros de poesía e dirixiron programas de radio, na procura da fusión de todas as prácticas artísticas. Estas accións equipáranos o outros colectivos internacionais daquela época, como Fluxus, no que se integraron John Cage, Joseph Beuys, Nan June Paik ou Yoko Ono.
Como sinala Alberto Varela, profesor da Universidade de Vigo, “Rompente xorde como estímulo artístico. A estética que o colectivo escolle dende as súas orixes é a vangarda”. Agora, 40 anos despois, “teiman na poesía e volven dirixirse á palabra, aínda que seguen falando sos”, como se advirte en ‘Que hostia din os rumorosos?’.