A unanimidade do Pleno deu luz verde á concesión das Medallas da Cidade do ano 2021 á atleta paralímpica Susana Rodríguez Gacio e aos servizos esenciais que traballaron durante a pandemia para atender a cidadanía: supermercados, farmacias, panaderías, colectivos de limpeza e desinfección, ámbitos de atención parasanitaria, equipos tecnolóxicos e de telecomunicacións, colectivos de prensa e papelería, colectivos de transporte de mercadorías e de pasaxeiros que garantiron o abastecemento.
Na sesión plenaria extraordinaria quedaron aprobados tamén os premios Viguesas e Vigueses Distinguidos de 2021 que son para:
- Francisco Castro, director de Editorial Galaxia e escritor
- Nico Rodríguez, medallista olímpico
- Antonio Estévez, xornalista deportivo
- Centros educativos que cumpren 50 anos: Martín Codax, Fonte Escura e Cristo da Vitoria
- Antonio Coello, ex subdelegado do Goberno en Pontevedra e ex concelleiro de Vigo
- Mercados municipais de Vigo: Bouzas, Calvario, Travesas, Progreso, Cabral, Berbés e Teis
- Escola Municipal de Artes e Oficios
- Galardón ex aequo:
- Traballadoras sociais, educadoras sociais, técnicas de inclusión social, servizo de atención no fogar do Concello de Vigo
- Os catro comedores sociais: a Fundación Casa da Caridade de Vigo – Hogar San José, Misión do Silencio, o comedor do Albergue Municipal e a Asociación Freixeiro de Axuda ao Necesitado (AFÁN).
O voceiro socialista, Carlos López Font, destacou que esta xornada representa un “día de recoñecemento ao que representa a cidade”, mentres o edil do BNG, Xabier Pérez Igrexas, lamentou que se excluíran as súas propostas e Rubén Pérez, concelleiro do grupo mixto, lamentou que non se tiveran en conta as propostas de tódalas formacións.
A entrega dos galardóns terá lugar o vindeiro luns 15 de novembro ás 20.00h no Auditorio Mar de Vigo.