O Concello de Nigrán, como cada outono, organiza este sábado 20 de novembro un roteiro micolóxico polo futuro parque forestal Os Matos-Río Táboas (parroquias de Camos e Chandebrito). O punto de encontro para a saída será ás 11:00 horas desde a Igrexa de Camos (onda o cemiterio) e terá unha duración aproximada de dúas horas. Os participantes deben levar calzado e roupa axeitados.
A actividade, guiada por un educador ambiental, constará do citado roteiro cunha análise do bosque de ribeira e toda a contorna do futuro parque forestal, busca e identificación de cogumelos, consellos para a súa recollida e información sobre a súa importancia para os ecosistemas. Os asistentes recibirán ademais un calendario de eclosión dos cogumelos comestibles máis habituais.