As primeiras horas da folga convocada en Vitrasa para reclamar melloras laborais e rematar coa falta de descanso e co exceso de xornada deixaron momentos de “tensión” polos intentos de “boicot da empresa”, que “non lle permitiu ao comité de folga identificar os autobuses en servizos mínimos”. Así o denunciou este venres a Central Intersindical Galega (CIG). Como consecuencia da actuación policial membros do cadro de persoal tiveron que ser atendidos en Urxencias por “lesións de distinta consideración”.
Os incidentes producíronse a primeira hora da mañá nas instalacións da concesionaria do servizo de transporte urbano do Concello de Vigo, na Estrada de Camposancos, cando o comité de folga “procedía a identificar cun documento selado os vehículos que se atopan en servizos mínimos para garantir que ningún traballador puidese colocar pola súa conta o rótulo electrónico de servizos mínimos e deste xeito non secundar a folga de xeito camuflado”.
O presidente do comité de empresa, Imanol Arnoso, explica que este foi o xeito de proceder até o de agora en cada un dos paros convocados na empresa, pero nesta ocasión a dirección negouse, “nun claro intento de impedir o dereito de folga”. Malia todo, o seguimento do paro está a ser practicamente total na quenda de mañá, que deu comezo ás 05:00 horas, xa que unicamente catro condutores/as que non estaban en servizos mínimos -fixados no 60%- foron a traballar.
“O único que pretendíamos era controlar que se cumpran os servizos mínimos e evitar que calquera poida poñer o rótulo electrónico para pasar por servizos mínimos o que é esquirolaxe”, sinala Arnoso. Pero a empresa negouse a chamou a policía para que desaloxase os traballadores que impedían a saída dos vehículos. Como consecuencia dos forcexos, varios membros do comité de folga tiveron que ser atendidos en Urxencias por escordaduras, golpes e contusións.
Posteriormente, a policía identificou tamén a varios integrantes do comité que intentaban impedir a saída dun autobús co que a empresa pretendía substituír outro que supostamente sufrira unha avaría na rúa. “Dixémoslle que para sacalo tiña que chegar primeiro o outro, pero negáronse”, critica.
A folga de 24 horas continuará este sábado e terá continuidade todos os venres e sábados até o 13 de decembro, cando pasará a ser de luns a venres de xeito indefinido, a excepción dos festivos. O comité decidira retomar a convocatoria dos paros pola “actitude inmobilista” da empresa ao longo de case un ano de negociacións.
A representación do persoal destaca a súa “flexibilidade” nas negociacións, xa que para paralizar as mobilizacións as propostas feitas son relativas á mellora das condicións de traballo, como descanso durante a xornada, duración máxima da xornada diaria ou tempos de percorrido, deixando en segundo plano a parte económica para unha negociación posterior.