A primeira edición do festival «8 pés» remata este sábado co concerto de peche da vasca Loreto, titular do órgano Cavaillé-Coll da Basílica de Santa María do Coro de San Sebastián. A organista demostrará un dos papeis menos explorados do órgano, o de instrumento concertante solista, para o que contará co acompañamento da Orquesta Clásica de Vigo. Será ás 21h na Concatedral de Vigo.
Pola mañá, tamén coas entradas esgotadas, terá lugar a visita guiada polos órganos Lope Alberdi na ría de Vigo, de características lixeiramente diferentes pero todos representativos da tradición organeira romántica vasca de inicios do século XX. A ruta, en colaboración coa navieira Mar de Ons, inclúe o órgano da igrexa de Santiago de Vigo, hoxe mudo e en moi mal estado de conservación; a Concatedral de Vigo, restaurado en 2017, e a antiga Colexiata de Cangas do Morrazo.
Un total de 855 persoas gozaron esta semana das actividades propostas entre charlas e mesas redondas, visitas guiadas ao órgano de público xeral así como da Escola Municipal de Música e da Escola Municipal de Artes e Oficios de Vigo, e os tres concertos na Concatedral. «Tivemos moi boa acollida e, por exemplo, para as visitas guiadas xa esgotamos os convites o primeiro día», comenta Manuel Martínez, director do festival. «Ademais foi un público de calidade e participativo, facendo preguntas moi interesantes para descubrir o instrumento», engade.
Os tres organistas máis salientables de España
A resposta tamén foi moi positiva nos tres concertos, onde o público encheu a capacidade do templo, prevista para 190 persoas, para gozar da música en directo do órgano da Concatedral. Nesta primeira edición de «8 pés», Vigo contou coa presenza de tres dos organistas máis salientables de España: o asturiano Fernando Álvarez, o valenciano Arturo Barba e a vasca Loreto Aramendi.
Ademais destes concertos, a programación afondou no coñecemento do órgano da Concatedral así como do instrumento e a súa relación entre formación e Igrexa. «Nunha das mesas redondas chegamos á conclusión da necesidade de apoio e complicidade entre conservatorios e Igrexa. O órgano está nas igrexas, que funcionan como a súa caixa de resonancia, e é nelas onde ten que seguir soando», explica o director.
Nova edición en 2022
O festival pon de relevo a necesidade de recuperar e utilizar os órganos dos templos para que este patrimonio non se deteriore. Así, «8 pés» abriu o abraiante universo do órgano á cidade co firme propósito de utilizar estes bens patrimoniais e dalos a coñecer para contribuír á súa conservación e para que o público lle poida outorgar o valor que merecen.
Dado o éxito de acollida, a Clásica xa ten a vista posta nunha segunda edición en 2022. «Acertamos de cheo no concepto do festival e queremos que o público siga coñecendo as posibilidades do órgano. A intención é repetir o ano que vén cunha programación máis ambiciosa, incluíndo a participación doutros instrumentos», avanza Manuel Martínez.
Sobre «8 pés»
O festival «8 pés» está financiado pola Deputación de Pontevedra e Turismo Rías Baixas e conta coa colaboración da Escola Municipal de Artes e Oficios (EMAO) e a Navieira Mar de Ons.