Esquerda Unida de Vigo celebrou este venres a súa Asemblea Local de renovación dos órganos de dirección locais. A xuntanza, que contou coa participación de Eva Solla, coordinadora nacional de EU, foi a primeira asemblea local celebrada de xeito presencial dende o inicio da pandemia da Covid-19 e serviu para reelixir a Rubén Pérez como coordinador local.
Pérez, que tamén é responsable federal de Municipalismo de Izquierda Unida e concelleiro da Marea de Vigo, destacou o papel da esquerda así como dos axentes sociais, sindicais e veciñais na aposta política polo municipalismo. «Organizan e fornecen espazos comúns de representación política e institucional nun momento de desmobilización provocado pola crise sanitaria e económica derivada da mesma na que os concellos como institucións máis próximas á veciñanza tiveron e teñen un papel clave na recuperación económica dos municipios», sinalou.
Pola súa banda, Eva Solla, analizou o impacto da pandemia na actividade política e trasladou as liñas da organización nacional nun mandato que «estará marcado polo traballo no ámbito municipal», espazo no que Izquierda Unida no conxunto do estado «é tradicionalmente unha forza con gran implantación no que conta con centos de concelleiros e concelleiras»
Solla salientou ademais o papel e a responsabilidade das direccións locais de Esquerda Unida, que se están renovando neste outono unha vez celebrada a Asemblea Nacional no pasado mes de xullo, iniciándose un novo mandato para os vindeiros catro anos. A asemblea de onte recibiu os saúdos do Partido Comunista de Galicia así como da organización local de Podemos.