A decidida intervención do cabo do mar deste distrito, D. Pedro de Guevara, auxiliado polo capitáns Fajardo y Pereira, o alférez Juan Arias Arbieto e o conde de Priegue, evitara un día de loito na vila ao rexeitar os reiterados intentos de desembarco que a armada turca realizara no día de onte, atacando sucesivamente Coia, A Laxe, o Areal, Guixar e a Guía. A todos estes puntos, onde os corsarios intentaron por pé en terra tras o fogo das bombardas dos seus galeotes, acudían os vigueses en greas, moitos deles sen máis armas que pedras e paus cos que desde a beira desafiaban aos invasores. Fracasado aquel intento de entrar na vila a sangue e lume, retiráronse as naves turcas ao norte da ría sen ousar o ataque a tres embarcacións brasileiras, que se refuxiaban na Portela.
O día 8, a primeira hora, desembarcan os turcos na praia de Domaio e, sen tropezar coa menor resistencia, realizan unha razzia nos arredores, matando, roubando e incendiando sen piedade. Sete indefensos paisanos foron mortos e algúns outros feridos prisioneiros, mentres o xentío se entregaba á pillaxe e á destrución.
Ao mediodía reembarcan os piratas e, animados por aquel doado éxito, diríxense novamente rumbo a Vigo co ánimo de intentar outra vez o desembarco, pero outra vez foron rexeitadas en toda a línea polo fogo nutrido da artillaría e fusís da guarnición. Ao comezar a noite, retirouse a flota turca, indo fondear a Cangas. Era o preludio da horrenda devastación daquela vila.
8 de decembro de 1617. Xosé María Álvarez Blázquez. «A Cidade e os Días. Calendario Histórico de Vigo» (Xerais, 2008)