Constitúese unha nova sociedade de lecer, denominada Liceo de Vigo, integrada inicialmente por un número reducido de socios do Recreo Artístico, non conformes coa actuación destas. Tomaron por local social o baixo da casa número 4 da rúa de Carral, sendo designado presidente D. Juan Aboal Bravo, depositario D. Ignacio Vidales e secretario D. Antonio Acebal Iglesias.
“Os socios non eran moitos , pero o interese pola cultura era enorme, dando proba diso o seu labor a pol dunha boa biblioteca, que conseguiron axiña.”
“O Liceo de Vigo fusionouse pouco despois co Recreo Artístico, tomando o nome de Recreo- Liceo e esta co de Liceo que antes tiña.”
“Durante a súa curta vida (oito anos) xurdiron moitas discusións e desavinzas entre os socios por non poder atender ás cargas que pesaban sobre a sociedade, polo que tomaron o acordo de a disolver en maio de 1903 e ao mesmo tempo, vender os mobles e co produto crear unha institución benéfica co título de Fundación Liceo de Vigo, destinando a tal fin a cantidade de 4.000 pesetas, invertidas en títulos da Débeda Interior e cos intereses, entregar esmolas de cinco pesetas ás doce do día 24 de decembro de cada ano, quedando encargada da distribución o Liceo-Recreo a cuxa sociedade fixo entrega da biblioteca coa condición de conservala até a disolución da sociedade, en cuxo caso, tanto a biblioteca como os títulos da fundación pasarían ao concello.”(José Espinosa, op. Cit., páxina 327)
A vida do Liceo, pola súa parte, non foi moito máis próspera, xa que aínda que viviu un par de décadas máis e prodigou as súas festas sociais, non puido facer fronte ás súas obrigas económicas, dando lugar a que o concello embargase a súa espléndida biblioteca, quitándoa a pública poxa. Acontecía isto no ano 1924 e tres anos máis tarde desaparecía definitivamente a sociedade.
10 de decembro de 1894. Xosé María Álvarez Blázquez. «A Cidade e os Días. Calendario Histórico de Vigo» (Xerais, 2008)