Nas xuntas xerais celebradas durante os días 18 e 19, é aprobado o Regulamento do Casino de Vigo, que se fai imprimir a comezos do ano seguinte na tipografía de M. Fernández Dios, situada na Praza do Sol, 3.
O artigo 7 establece:”A sociedade dará precisamente catro bailes: dous no entroido e outros dous respectivamente polas festividades do Cristo e S. Roque; sendo ademais potestativo da xunta directiva dar outros”. Aínda gozaban resonancia xeral na cidade as festas de San Roque, antigamente tan soadas e populares, onde se corría a famosa regueifa. A esta alegría xeral uníase, por expresa disposición regulamentaria, a máis requintada sociedade viguesa, abrindo os seus salóns á danza para gozo de terrícolas, regnícolas e estranxeiros, que a todos atraía San Roquiño bendito.
O novo regulamento do Casino foi aprobado pola autoridade gobernativa o 25 de abril seguinte e comezou a rexer o 1 de maio. Era o presidente da sociedade D. Eduardo Méndez Brandón e secretario D. Eudoro Fernández. Contaba o Casino con 176 socios de número, os cales satisfacían a cota de vinte reais ao mes; catro socios de mérito, que nada pagaban; 51 socios eventuais, que tamén contribuían con vinte reais; e oito señoras socias, que unicamente pagaban dez reais ao mes. O número destas foi en aumento durante os anos sucesivos; outras distinguidas damas pertenceran tamén anteriormente á sociedade, pero no momento de se dar o regulamento á imprenta, tan só se atopaban inscritas as seguintes señoras: dona Amalia Fábregas, dona Amalia Trabanco, dona Asunción Taboada, dona Cristeta Buet, dona María Lafuente, dona Peregrina Lafuente, dona Rogelia Rubín e dona Ventura Gutiérrez del Castillo.
Para facer conversa ou gancho, para descansar un pedazo, xogando ao mediador ou ao rebesino, bastábanse as oito boas señoras. De cando en vez, un vello iría para referirlles a última novidade. Eran as tardes tan longas!
19 de decembro de 1881. Xosé María Álvarez Blázquez. ‘A Cidade e os Días. Calendario Histórico de Vigo’ (Xerais, 2008)