Galicia non se entende sen a súa gastronomía e, de feito, esta constitúe un dos principais atractivos da súa ampla oferta turística. Pode presumir de contar con ata 36 selos de denominación de orixe ou indicación xeográfica protexida. Son experiencias de calidade ás que hai que engadirlle tamén outras producións de excelencia, como son as derivadas das razas autóctonas de Galicia, o selo Galega 100%, que ampara o leite galego de calidade certificada e o selo pescadeRías, que ampara os peixes e mariscos procedentes da frota artesanal na nosa comunidade autónoma.
Así, os visitantes acoden a Galicia atraídos, entre outras cousas, polos seus manxares, sendo esta unha das grandes motivacións para a súa viaxe. Estas producións do mar e do campo galego víronse potenciadas nos últimos anos de forma cualitativa e cuantitativa grazas á dinamización dos coñecidos como produtos de calidade. Son recursos alimentarios que constitúen unha das mellores ferramentas das que dispón o medio rural desta comunidade para asegurar o seu futuro, emprender novas vías de desenvolvemento e, incluso, reinventarse.
Coa posta en valor dos produtos de calidade, a través das denominacións de orixe protexidas (D.O.P) e das indicacións xeográficas protexidas (I.X.P.), os produtos galegos alcanzaron unha nova dimensión, máis competitiva no mercado, atractiva para o consumidor e con todas as garantías de que o produto que se ofrece pasou rigorosos controis de calidade, como mostra do seu especial coidado no proceso de produción e comercialización.
I Mostra de Calidade Alimentaria
Co fin de impulsar toda esta riqueza, a Xunta vén de celebrar, no Pazo de Quián, en Sergude (Boqueixón) a I Mostra de Calidade Alimentaria. Neste contexto avanzouse que o selo Galicia Calidade terá a partires de agora unha sección específica sobre alimentación que se denominará Galicia Calidade Alimentaria e que englobará produtos con excelencia recoñecida, afondando tamén na súa promoción.
O anuncio deste selo levouse a cabo na presentación da nova campaña institucional da Xunta, baixo o lema Galicia Etiqueta Calidade, na que a Xunta investirá 700.000 euros para divulgar o bo facer da xente do mar e do agro. Trátase dunha iniciativa que quere amosar nestas datas de Nadal que Galicia é unha potencia alimentaria. Unha contribución pública para o sector, en apoio e agradecemento polo seu labor encomiable, ao ser quen de facer que non faltase produto alimentario galego de calidade durante a emerxencia sanitaria.
Esta campaña destaca a importancia do etiquetado nos produtos de calidade. Tamén salienta que estas producións son a “Excelencia de Galicia” e que son garantía, autenticidade e singularidade. Ao tempo, tamén transmite a decidida aposta polo produto local e de proximidade e, en definitiva, traslada que os produtos de calidade de Galicia son os mellores.
No marco desta Mostra tamén se deu a coñecer o mercado dixital oficial no que produtores poderán vender estas producións, establecendo contacto eles mesmos co consumidor. Trátase, así, dun verdadeiro mercado online, no que se poderán comercializar os produtos de excelencia de Galicia cun só clic.
Galego, saudable e atlántico
O evento acolleu, ademais, ata tres foros diferentes, que versaron sobre gastronomía e turismo, arredor da filosofía “slowfood” e sobre a Dieta Atlántica. Todos eles foron acompañados da degustación de produtos relacionados. Así, o primeiro foro, baixo a denominación de “Come galego” tivo como eixo central a conferencia e showcooking sobre Ecociña -unha perspectiva turística dos produtos de proximidade e de calidade alimentaria galega- impartida pola directora do Centro Superior de Hostelería de Galicia, Marta Fernández.
O segundo espazo (“Come saudable”) consistiu nunha mesa redonda sobre a filosofía slowfood que abordou as vantaxes dunha materia prima sen procesar, dun produto de proximidade, da biodiversidade, da menor pegada de carbono e da conservación territorial e cultural.
O terceiro dos foros, “Come Atlántico”, permitiu afondar nas fortalezas da Dieta Atlántica, a súa adaptabilidade ás diferentes necesidades nutritivas e o seu futuro dentro da promoción dos produtos de calidade alimentaria de Galicia.
Ademais, de forma paralela a todos estes eventos, durante os tres días de celebración da Mostra instalouse no exterior do Pazo de Quián unha “gastroneta” da Xunta que ofreceu os asistentes unha mostra da calidade alimentaria galega, presentada nunha caixa con diversos produtos da despensa da nosa comunidade.
Por outra banda, esta I Mostra acolleu tamén a entrega dos xa coñecidos premios Exceleite, que supoñen un recoñecemento ás explotacións galegas senlleiras de vacún de leite e avalan a excelencia hixiénico-sanitaria dos produtores de leite cru de vaca, así como os das Catas de Queixos e Meles de Galicia 2021, que galardoan os mellores queixos e meles, entre outras accións.
Premios Exceleite
Na entrega dos premios Exceleite púxose en valor a futura Lei da calidade alimentaria, que apostará pola produción excelente de proximidade, san e sustentable que sempre distinguiu a Galicia. Ademais, tamén o feito de que a Xunta actúa como o acelerador do motor que representa o lácteo para a nosa comunidade mediante o impulso de medidas como a Estratexia sectorial e, dentro dela, a aplicación informática Conta Láctea ou a formación empresarial dos gandeiros.
Relación de premiados cos Exceleite 2021:
Catas dos queixos e dos meles
No acto de entrega de premios das catas dos queixos e dos meles puxéronse estes dous produtos distinguidos como exemplo de que Galicia etiqueta Calidade. Neste certame participaron 30 queixerías das catro denominacións de orixe protexida con 51 mostras, mentres que na dos meles concursaron 25 industrias con 43 rexistros acollidos á indicación xeográfica protexida Mel de Galicia.
Relación de premiados nas catas:
D.O.P. QUEIXO TETILLA | MARCA PREMIADA E EMPRESA |
OURO | SAT Queinaga |
PRATA | Don Crisanto-Crisanto SAT |
BRONCE | Lácteos Terra de Melide |
D.O.P. ARZÚA ULLOA | MARCA PREMIADA E EMPRESA |
OURO | Diqueixa-Ilda Gómez González |
PRATA | Lácteos Terra de Melide |
BRONCE | Queixería Barral, SLU |
D.O.P. ARZÚA ULLOA CURADO | MARCA PREMIADA E EMPRESA |
OURO | Artelac-Antonio Ferreiro Ferreiro |
D.O.P. SAN SIMÓN DA COSTA | MARCA PREMIADA E EMPRESA |
OURO | Fontelas- Javier Piñeiro López |
PRATA | Daniberto SAT |
D.O.P. CEBREIRO | MARCA PREMIADA E EMPRESA |
OURO | Castelo de Brañas |
D.O.P. CEBREIRO CURADO | MARCA PREMIADA E EMPRESA |
OURO | Sto. André -Carlos Reija fernández |
MELES MULTIFLORAIS | MARCA PREMIADA E EMPRESA |
OURO | Horta das Colmeas-Eva M.ª Rey Tirimaos |
PRATA | Manuel Sande-Fernández Sande, José Manuel |
BRONCE | O Trobo, Mel do Valadouro |
MELES MONOFLORAIS | MARCA PREMIADA E EMPRESA |
OURO | Breixo O Poder das Flores-Javier Carreras |
PRATA | Castiñeiro, Mel O Testeiro-Munín Taboada, María |
BRONCE | CASTIÑEIRO/ Labrega Mel-Sotelo Fernández, Javier |
MELES DE MELADA | MARCA PREMIADA E EMPRESA |
OURO | Colleiríns-Pérez Alonso, Johny |
Experiencias de calidade
Viños e augardentes
Galicia conta con cinco denominacións de orixe de viño (Ribeiro, Valdeorras, Rías Baixas, Ribeira Sacra e Monterrei). Cada unha cunha personalidade ben definida, pero todas cun denominador común: a calidade e a vinculación moi directa co territorio. Cabe tamén destacar os viños con indicación xeográfica (tamén coñecidos como Viños da Terra), dos que contamos con catro: Barbanza e Iria, Betanzos, Val do Miño-Ourense e Ribeiras do Morrazo.
A comunidade autónoma destaca tamén pola riqueza e variedade das súas bebidas espirituosas. As indicacións xeográficas das augardentes e dos licores tradicionais de Galicia protexen tanto a augardente de herbas, como o licor de herbas e o licor café, bebidas todas elas que forman parte inseparable do imaxinario colectivo desta terra.
Carnes
As carnes de Galicia sempre gozaron de prestixio e recoñecemento. No caso do vacún, existe un selo de calidade: Ternera Gallega, a indicación xeográfica máis importante no sector cárnico español.
A protección destas producións viuse potenciada nos últimos tempos coa creación da Indicación Xeográfica Protexida Vaca gallega e Buey gallego. Esta IXP naceu en 2017 para protexer e amparar o sector e ofrecer un produto tan relevante como a carne de vacún maior, garantindo a súa orixe e calidade, igual que se ven facendo desde fai 30 anos con Ternera Gallega.
Tamén o sector cárnico de porcino galego de calidade ten o seu recoñecemento coa IXP Lacón Gallego e, no ámbito avícola, convén recordar a incorporación aos selos de calidade do tan coñecido Capón de Vilalba.
A maiores, hai que lembrar tamén a extraordinaria calidade dos produtos derivados das razas autóctonas gandeiras de Galicia, razas de gando vacún (Cachena, Caldelá, Frieiresa, Limiá e Vianesa), ovino (Ovella Galega), cabrún (Cabra Galega), aviar (Galiña de Mos), equino (Cabalo de Pura Raza Galega) e porcino (Porco Celta).
Lácteos
Un dos puntos fortes de Galicia é o relacionado coa produción láctea. Neste senso, hai que destacar, en primeiro lugar, a existencia dun indicativo que certifica o leite galego de calidade diferenciada. Trátase de “Galega 100%”, un selo que garante a excelencia do produto e que este, ademais, ten como orixe explotacións da comunidade autónoma.
Este selo promociónase ao longo do ano a través de distintos eventos, relacionados fundamentalmente coa gastronomía e co deporte, co fin de incentivar o consumo de leite e de produtos lácteos galegos de calidade entre a poboación, tendo en conta os seus indubitables beneficios para a saúde.
Polo demais, Galicia destaca tamén pola calidade dos seus queixos, con catro diferentes denominacións de orixe protexidas (Arzúa-Ulloa, Cebreiro, Tetilla e San Simón da Costa). Cada un ten a súa propia personalidade, pero todos coinciden en ofrecer ao consumidor un produto feito co máximo esmero e a partir dunha materia prima –o leite galego– de gran calidade.
Horta
Tamén merece especial recoñecemento a calidade contrastada dos pementos que se producen en Galicia, os de Herbón, O Couto, Oímbra, Arnoia e Mougán. Son cinco tipos diferentes de pementos, amparados baixo un selo dunha denominación de orixe, no caso do primeiro, e de indicacións xeográficas protexidas nos restantes.
Os Grelos de Galicia son outro dos produtos da horta galega con calidade amparada por un indicativo específico, coa vista posta nunha maior proxección fóra da comunidade autónoma. Pódense atopar no mercado en varios formatos (fresco, conxelado ou en conserva), o que supón un importante número de consumidores potenciais.
As castañas, as patacas ou a mel producidas en Galicia tamén contan cun recoñecemento especial pola súa calidade. En canto á Castaña, a zona de orixe deste produto –inseparable do outono galego– abarca a maior parte do territorio de montaña, mentres que no caso da Mel de Galicia, a súa área de produción esténdese por toda a autonomía. A apicultura constitúe ademais un elemento importante da etnografía en Galicia, onde perviven construcións tradicionais vinculadas a esta produción artesanal.
A IXP Pataca de Galicia ampara outra referencia da despensa galega e ten a súa zona de produción repartida nas subzonas de Bergantiños (na Coruña), Terra Chá, A Mariña e Lemos (na provincia de Lugo) e A Limia (en Ourense).
Pola súa parte, a Faba de Lourenzá ou o Pan de Cea, entre outros, asocian o nome da súa zona de produción ao do produto. O cultivo da Faba de Lourenzá abarca o territorio costeiro da provincia de Lugo e con este distintivo déuselle nome propio a esta variedade. Ademais, o Pan Galego, o Pan de Cea, xunto coa Tarta de Santiago, son os tres produtos galegos do sector de panadería e pastelería que contan con distintivo de calidade. A zona de elaboración do pan galego e da tarta é toda Galicia, mentres que no caso do pan de Cea correspóndese co municipio ourensán de San Cristovo de Cea.
A Agricultura Ecolóxica –unha denominación que, a diferencia das demais, non ten carácter xeográfico– é outro indicativo de calidade que rexistrou un gran desenvolvemento nos últimos anos en Galicia. Trátase dun sistema de produción de alimentos baseado nun escrupuloso respecto ao medio ambiente, o benestar animal e o mantemento e mellora da fertilidade do solo.
En definitiva, Galicia ofrece un amplo abanico de produtos alimentarios de extraordinaria calidade e, polo tanto, o seu poderío gastronómico está fóra de toda dúbida, sobre todo cando esta magnífica despensa –calificada por Álvaro Cunqueiro como a de maior “amplitude” de Occidente– se pon en valor grazas ao magnífico traballo dos grandes cociñeiros e cociñeiras desta terra.
Produtos do mar
Mexillón de Galicia certifica o mexillón producido, transformado e elaborado en Galicia, o auténtico mexillón das Rías Galegas. Esta exclusividade está regulada na lexislación europea sobre denominacións de orixe protexidas e trátase, ademais, dun produto sometido a un rigoroso control que certifica a súa orixe e garante a súa calidade.
A marca pescadeRías ¿de onde se non? é un selo de identidade para a promoción e defensa dos peixes e mariscos procedentes da frota artesanal, cunha fama de variedade e calidade que traspasa as nosas fronteiras. Esta marca xorde desde a Consellería do Mar da Xunta de Galicia no ano 2008 coa idea de que os produtos do mar procedentes da frota artesanal poidan ser claramente diferenciados, dentro da variada oferta que presenta un mercado cada vez máis globalizado e cunha ampla variedade de produtos.
Artesanía Alimentaria
Por outra banda, a Xunta puxo en marcha a marca Artesanía Alimentaria, para poñer en valor os produtos agrarios e pesqueiros que se elaboran de forma tradicional, así como para protexer aos seus produtores. Trátase dunha novidosa regulación que especifica o que é unha produción artesanal para evitar que se empregue de forma inadecuada este termo ou outros similares como “caseiro” ou “feito en casa”.
Así, os procesos de elaboración deben ser tradicionais, a presentación dos produtos debe ser singular para mostrar a súa calidade diferenciada e ten que respectarse en todo momento a norma técnica aprobada para cada tipo de produción.
Neste senso, cabe sinalar que se distinguen un total de 16 grupos de produtos entre os que están os lácteos, os cárnicos, os produtos da pesca e da acuicultura, viños, licores, sidra, cervexa e produtos de panadería e confeitería, entre outros.