Chaki, a nena Togolesa que se trasladou desde o seu país a Vigo para ser atendida no Álvaro Cunqueiro, xa recibiu a alta médica e regresará en breve ao seu país, unha vez que concluíu con éxito o tratamento que recibiu no hospital vigués. É o terceiro caso que se realiza ao amparo do acordo de colaboración que asinou Chaki, de 3 anos, naceu cunha malformación conxénita que lle impedía ter unha vida normal. Era necesario sometela a un tratamento de cirurxía pediátrica e asistencial de uroloxía, que non era posible en Togo, polo que entrou no programa da ONG para ser tratada en Galicia. Chegou a Vigo hai once meses.
Os facultativos que a atenderon consideran que, tras a intervención e a posterior recuperación está xa en perfectas condicións para regresar a Togo. Por ese motivo, o Álvaro Cunqueiro organizou un agarimoso acto de despedida no que participaron o xerente da área sanitaria de Vigo, Javier Puente; o delegado da ONG en Galicia, José Raúl Besada; o equipo profesional que atendeu á nena no hospital e voluntarios da ONG. Ao acto tamén asistiron Silvia y Carlos que exerceron como familia de acollida, xunto coa súa filla, a pequena Sabela.
No tratamento de Chaki participaron profesionais dos servizos de Cirurxía pediátrica, Anestesioloxía, Radioloxía e Pediatría do Chuvi. Javier Puente agradeceu a Tierra de Hombres a oportunidade de participar neste proxecto e salientou “o compromiso solidario de todo o persoal que interviu na súa atención xa que non hai maior satisfacción que poder axudar a estes nenos e ver como retornan coas súas familias curados das súas doenzas ou cunha maior calidade de vida”.
Pola súa banda, o delegado da ONG en Galicia, José Raúl Besada agradeceu a excelente acollida deste proxecto nesta área sanitaria viguesa e o labor e a implicación do seu persoal, “que en moitos casos vai máis alá do estritamente profesional “.
Acordo solidario
A Xerencia da área sanitaria de Vigo e a ONG “Tierra de Hombres” manteñen un acordo de colaboración para desenvolver no Hospital Álvaro Cunqueiro un programa de atención sanitaria para nenos e nenas africanos con patoloxías graves, e que non poden recibir o tratamento necesario no seu país dada a súa complexidade O protocolo enmárcase dentro da programa “Viaje hacia la vida”, que a ONG subscribiu para Galicia co Servizo Galego de Saúde.
A adhesión da Área Sanitaria de Vigo a este programa serve, ademais, para dar cumprimento a un dos aspectos que se inclúen no Plan Estratéxico da organización, o referido á solidariedade na práctica asistencial e institucional. Chaki é a terceira paciente que atende o Álvaro Cunqueiro grazas a este acordo. A idea inicial é que o hospital vigués poida atender dous ou tres casos similares ao ano.
Para levar a cabo este proxecto é necesario por en marcha os protocolos e autorizacións necesarios para o traslado da menor ata Vigo, a súa estancia na cidade, o seu tratamento no hospital e a posterior volta ao seu país de orixe. Son procesos administrativos que requiren o seu tempo porque están implicadas varias administracións.
Familias de acollida
Mentres os nenos teñen que vivir en Vigo para tratarse no hospital, residen no domicilio dunha familia voluntaria contactada con anterioridade pola organización non gobernamental.
Dispoñer de familias de acollida é un dos elementos fundamentais para o desenvolvemento deste programa solidario. Por iso, os responsables de «Tierra de Hombres» fan un chamamento a familias de Vigo, para que, se desexan participar neste programa solidario contacten coa ONG no teléfono 628367030 ou a través do correo electrónico: deleg.galicia@tierradehombres.org.