A Orquestra Clásica de Vigo pecha o ano este martes, 28 de decembro, celebrando o seu tradicional Concerto Extraordinario de Nadal no Teatro García Barbón de Vigo ás 20.30 horas. Baixo o título «Maldito Concerto de Nadal», o programa está dedicado a Edward Grieg e conta ao piano coa solista Berta Fresco e a dirección de Manuel Martínez Álvarez-Nava.
O Concerto de Nadal convértese cada ano nunha data única no calendario polo seu carácter de encontro, tanto xeracional como físico con instrumentistas residentes agora noutros países. O reencontro volve ser, e neste 2021 máis ca nunca se cabe, un motivo de celebración. A Clásica celebra a súa «festa de fin de ano» para compartir unha vez máis coa cidade de Vigo.
As entradas para esta cita coa Clásica están á venda en Ataquilla a través desta ligazón. Tamén estarán dispoñibles na billeteira do teatro antes do concerto e o prezo de última hora para menores de 30 anos será de 5 euros. De acordo á nova normativa da Xunta de Galicia, será preciso contar co certificado covid ou unha proba PCR negativa para poder acceder ao concerto.