A primavera porriñesa recuperará en 2022 o seu Festival de Cans. O certame volverá así as súas datas habituais e esta vez terá lugar entre o mércores 18 e o sábado 21 de maio, volvendo a coincidir co Festival de Cannes francés, como xa é tradición.
Estas datas foron decididas pola asemblea da Asociación Cultural Arela, entidade organizadora do certame, e así o foi anticipando nos últimos días a veciñas e veciños que prestan as súas casas e jalpóns, ás principais institucións que apoian o certame como Concello do Porriño, Deputación de Pontevedra, Xunta de Galicia ou Ministerio de Cultura, así como ós patrocinadores privados e empresas colaboradoras.
Segundo informan nun comunicado, a organización ven traballando nas últimas semanas intensamente nos contidos e no deseño do que será a XIX edición, que seguirá inicialmente as liñas das dúas últimas edicións, dando maior relevancia ás proxecións de cine, ás actividades, ós encontros e coloquios e ás actividades diurnas, sen renunciar ás actuacións musicais que configuran unha das partes relevantes do certame.
Do mesmo xeito que nas dúas últimas edicións, trasladadas ambas ó mes de setembro debido ós condicionantes da pandemia, a organización está a traballar coa máxima prudencia. A experiencia adquirida nas dúas últimas edicións, leva á organización a traballar en paralelo cunha marxe para tomar decisións en cada momento, de acordo co que vaia determinando as autoridades sanitarias. O certame avanza tamén que nos vindeiros días abrirase o prazo de envío de curtametraxes o obras a concurso.
Un balance moi positivo de 2021
Malia as circunstancias derivadas das restriccións impostas, o Festival de Cans acadou na súa última edición de 2021, a magnífica cifra de 7.500 espectadores. Desta cifra, unhas 6.000 persoas asistiron de xeito presencial ás proxecións, concertos e actividades do festival, e outras 1.500 persoas conectáronse de xeito virtual a algunha das seccións de curtametraxes ou coloquios en streaming a través das canles de difusión do certame, vía que seguirá a potenciar na vindeira edición do mes de maio.
O Festival realizou o pasado ano 121 contratacións laborais e contratou servizos a case 50 empresas locais, ademáis de contratar directamente 140 habitacións a diferentes establecementos hoteleiros.
Outra das actividades que o Festival impulsou neste 2021 foi o ciclo «Cinemaldea», que levou unha selección das curtametraxes premiadas en Cans a todas as parroquias de O Porriño, acadando a cifra de 250 persoas que asistiron presencialmente a estas proxecións, co ánimo de achegar o cinema ó rural.