O Porriño e Mos celebrarán conxuntamente o vindeiro domingo 2 de xaneiro, se as condicións meteorolóxicas o permiten, o desfile das rondallas de ambos concellos, segundo acordaron hoxe os respectivos rexedores municipais. Os alcaldes Alejandro Lorenzo e Nidia Arévalo informaron de que esta é a «primeira mostra do novo tempo» nas relacións de ambos concellos.
Os dous rexedores mantiveron este martes dúas xuntanzas. A primeira no Concello do Porriño e a segunda na rotonda das Angustias. Nesta segunda reunión acordouse organizar un único desfile das rondallas que partirá de ambos concellos e se cruzarán en dous puntos. Pola tarde reuniranse os responsables das catro rondallas de Mos (Santa Eulalia, Herville, Santiaguiño de Guizán e Torroso) e as dúas de Porriño (Santa Eulalia de Atios e Asociación Cultural Musical de Pontellas) para resolver os detalles da posta en escena do desfile.
A idea é que tres rondallas partan da rotonda de Costilleta en Mos e as outras tres dende a avenida Domingo Bueno e da rúa Antonio Palacios, no Porriño. Os dous rexedores indicaron que, en todo caso, a celebración do evento ao aire libre realizarase cumprindo estrictamente cos protocolos anticovid esixidos pola autoridade sanitaria e coa vixilancia da Policía Local de ambos concellos. Ademais, ambos Concellos dotarán de prazas de aparcamento alternativas para os compoñentes das rondallas e o público que acuda ao desfile ao longo do percorrido. O desfile será retransmitido por «streaming».
«Plena colaboración»
Alejandro Lorenzo manifestou que «considerando que somos dous pobos irmáns e que queremos confraternizar e compartir diversas actividades, decidimos facer un certame conxunto de rondallas na rúa para disfrute de todos». A alcaldesa de Mos e o alcalde de Porriño mantiveron esta mañá unha primeira reunión de traballo que «simboliza o pleno restablecemento das relacións entre ambos concellos».
Nidia Arévalo avanzou que «tratamos de asuntos en común como o deslinde e a auga«. «Abrimos un novo tempo que se vai caracterizar pola total colaboración entre ambos concellos», anunciou a rexedora de Mos. Pola súa banda Alejandro Lorenzo valorou que «temos moitas sinerxías e a cooperación necesaria entre os dous municipios permitirá tamén aforrar custes».