Para retomar a actividade lectiva e laboral tras as vacacións de Nadal coa maior seguridade posible, a Universidade de Vigo está realizar estes días un cribado masivo a través de PCR por saliva para o PDI (persoal docente) e o PAS (persoal administrativo). En total, son máis de 2800 persoas, incluíndo o persoal de administración e servizos, o docente e investigador e todas as demais modalidades de contratos de investigación (de predoutoramento, con financiamento de Xunta de Galicia ou do Estado, etc.) as que poderán participar neste proceso.
Todos poden solicitar os tubos para a recollida de mostras de saliva para a realización dos tests PCR nas conserxerías dos centros dos tres campus hoxe luns en horario de tarde e mañá martes ao longo de todo o día.
A recollida das mostras deberá relizarse o mércores 12, cando as persoas participantes deberán rexistrarse na aplicación poolingvigo.com e, posteriormente, depositar o tubo nas gradillas habilitadas nas conserxerías das escolas, facultades e centros de traballo. De xeito excepcional, as persoas que ese día non poidan acudir aos seus centros, poderán entregar a súa mostra nos seguintes puntos de referencia habilitados: edificio Exeria no campus de Vigo; a Escola de Enxeñaría Industrial, sede cidade; a Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación no campus de Pontevedra e o Edificio de Ferro no campus de Ourense. Na páxina web da Vicerreitoría de Planificación pode consultarse un vídeo titorial sobre a recollida de mostras.
Por outra banda, dende a Fundación Biomédica indican que, dada a elevada sensibilidade da proba de saliva, é altamente recomendable que todas as persoas diagnosticadas de infección por SARS-CoV-2 durante os últimos 30 días, non participen no cribado.