Publícase o primeiro número do semanario Comercio de Vigo, que tería unha existencia fugaz, xa que deixou de saír en xuño deste mesmo ano, tendo publicados uns vinte números. Era o seu director e propietario Francisco Carranque, que anteriormente fundara outro periódico en Verín.
Antes de fin de século saen á area periodística outras publicacións de curta vida, tales como o Boletín de la Liga para la defensa de la Higiene, de tan longo nome como breve existencia, que se publicaba dende 1895 e dirixía Amado Garra; El Ángel del Hogar, aparecido en 1896 e dedicado á muller; El Soplete, decenario festivo, cuxo primeiro número saíu o 1 de xaneiro de 1897, baixo a dirección de Manuel Pardeiro y Vayo, e editou unicamente tres números (un semanario de idéntico nome houbo en Redondela cara a 1930); Industria y Comercio, quincenal, que se titulaba “Defensor dos intereses da produción”, tamén aparecido en 1897 e que tivo unha segunda época en 1910, que dirixía don Vicente Fuster; El Merlo Blanco, produto da humorada de varios amigos, que deron a este semanario o nome dun popular limpabotas de idéntico alcuño, facéndoo figurar como director, viu tamén no mesmo ano e por moi pouco tempo. O seu principal animador era don José Antonio Fernández. Este “disparatado e graciosísimo” semanario segundo o cualifica Carré Aldao, editábase na imprenta Varela.
Aínda se publicaron, por vez primeira, antes de se despedir o século XIX, outros periódicos e revistas na nosa cidade, dos cales iremos dando conta oportunamente, así como dos anteriores a esta calendas, pois o xornalismo vigués ten a súa efeméride inicial o 2 de maio de 1823, coa aparición do Semanario Patriótico de Vigo, primeira publicación periódica da provincia.
Vimos recollendo con afán cantas noticias exemplares da prensa viguesa chegan a nós. A súa historia é tamén, en certo modo, a historia contemporánea da propia cidade. Mais, por desgraza, os datos son case sempre escasos e parciais, cando non contraditorios. Murguía (Diccionario de escritores gallegos), Carré Aldao (“La imprenta y el periodismo en Vigo”, T.XI do Boletín da Academia Galega), Couceiro Freijomil (Diccionario bio-bibliográfico), Osorio e Bernard (Catálogo de periodistas españoles del siglo XIX), Espinosa Rodríguez (Tierra de Fragoso) e algúns artigos de prensa etcétera, deron noticias non sempre concordantes sobre vellos periódicos vigueses. Imponse, ante todo, unha tarefa de recollida de materiais, co obxecto de ir nutrindo, con paciencia e boa vontade, unha hemeroteca exclusivamente local, que poida construir un corpus de inapreciable valor documental para a historia, pasada e futura de Vigo.
Existe, certamente, unha base na hemeroteca da Escola de Artes e Oficios, a cuxa fronte está persoa tan documentada como don Herberto Blanco. Mais sen un impulso pecuniario, de orde moi modesta, sen o apoio e colaboración dos que están en condicións de proporcionalo, moito tememos que o esforzo meritorio dun só home sexa abondo para encher o baleiro que se advirte. Cómpre que cantos posúan coleccións ou números soltos de vellos periódicos os doen á hemeroteca, ou que esta poida nutrir os seus fondos mediante adquisicións. E cómpre tamén que se recollan alí ao día, de agora en diante, as publicacións que vaian aparecendo, Doutro xeito, tamén este asunto pasará a engrosar o nutrido capítulo das “aspiracións”.
14 de xaneiro de 1894. Xosé María Álvarez Blázquez. «A Cidade e os Días. Calendario Histórico de Vigo» (Xerais, 2008).