A federación de Banca da CIG convocou mobilizacións para reclamar “un convenio digno” nos centros de chamadas e rexeitar “os intentos da patronal de precarizar aínda máis as condicións laborais no sector”. As protestas comezan este martes en Vigo, con concentracións en Bosch e Unísono, dúas das empresas con máis persoal na provincia de Pontevedra. Despois trasladaranse ata A Coruña, Ourense, Lugo e Santiago.
A CIG menciona “baixos salarios, presións, ameazas, temporalidade, dificultade para a conciliación, non pagamento dos gastos teletraballo, clasificación profesional inadecuada e obsoleta, xornada irregular ou a tempo parcial” como principais problemas no persoal dos centros de chamadas, que leva dende xaneiro de 2019 negociando o convenio colectivo estatal.
Neste tempo os seus soldos “permaneceron conxelados”, até o punto de que de térense aplicado os índices do IPC (incluso os negativos) en lugar das subas pactadas en convenio, o salario anual de teleoperador/a especialista sería hoxe de máis de 16.000 euros. “Polo que os cartos perdidos en 11 anos por mor deste convenio ascenden a máis de 10.000 euros”, denuncian dende a CIG.
Por iso na central sindical apostan por reclamar na rúa unha mellora das condicións de traballo, tendo en conta a “actitude inmobilista” e a “falta de interese” do empresariado en negociar un convenio que recoñeza o esforzo realizado polo persoal do sector durante a pandemia.
Deste xeito, a CIG fai un chamamento a participar nas mobilizacións que darán comezo este martes 18 en Vigo (diante de Bosch ás 11:15 horas e diante de Unísono ás 12:15 horas) e que continuarán o martes 25 na Coruña, o 8 de febreiro en Ourense, o 22 en Lugo e o 15 de marzo en Santiago.