A Universidade de Vigo captou no 2021 1,5 millóns de euros para levar a cabo 10 ‘proxectos proba-concepto’, traballos dirixidos a impulsar cara o mercado os resultados da investigación e facilitar a súa transferencia á sociedade. Acaban de pórse en marcha e por diante teñen dous anos nos que demostrar que a I+D+i que se realiza nos laboratorios universitarios pode ser trasladada ao tecido socio-produtivo en forma de produtos, bens, servizos ou calquera outra aplicación que sexa beneficiosa para a economía, a sociedade, a cultura ou as políticas públicas. 681.000 euros conseguíronse a través da convocatoria Probas de Concepto do Ministerio de Ciencia e Innovación, un programa de nova convocatoria financiado con fondos Next Generation EU, e 746.000 proveñen do programa Ignicia- Proba de concepto, unha iniciativa pioneira posta en marcha pola Xunta de Galicia a través da Axencia Galega de Innovación en 2016 e que xa leva tres edicións.
“O impulso á transferencia é un dos obxectivos deste equipo de goberno, a nosa Universidade ten xa desde hai anos unha gran tradición de transferencia, e o éxito logrado nestas convocatorias así o demostra”, explica a vicerreitora de Investigación Belén Rubio, quen se manifesta “moi satisfeita”, porque “o resultado natural da investigación é exportala á sociedade”. Entre os proxectos que se acaban de pór en marcha –os do ministerio en decembro e os Ignicia en xaneiro- trátanse temáticas do máis variadas, hai exemplos en temas de saúde, compostos farmacéuticos, cosméticos, pero tamén ambientais, de redución de emisións de gases de efecto invernadoiro, de aproveitamento de enerxía e de tecnoloxías TIC aplicadas a aspectos de diversa índole. “Espero que todos eles sexan un éxito e unha realidade que vexamos aplicada no noso día a día nun futuro próximo”, salienta a vicerreitora, ao que engade que “a mensaxe que debemos transmitir á sociedade é que é necesario primeiro o coñecemento e a investigación para lograr avances significativos que finalmente poidan redundar neses beneficios para todos”.
Convocatoria do ministerio: 60% de éxito e múltiples temáticas
A convocatoria Probas de Concepto do ministerio vai dirixida a fomentar e acelerar a transferencia de coñecementos e os resultados xerados nos proxectos de investigación do plan estatal. Non se trata de continuar a investigación do proxecto previo, senón de pór en valor os coñecementos acadados mediante a realización de actividades adicionais que permitan confirmar o potencial innovador dos mesmos e facilitar a súa transferencia. Solicitáronse en total 13 proxectos e o ministerio concedeu oito, o que sitúa a taxa de éxito no 61,5%.
O proxecto que acadou un maior financiamento, 149.500 euros, é O3-Integap, Tecnoloxía de inxección de ozono para purificación de gases de escape. Neste caso, pártese dun traballo anterior no que se comprobou o importante potencial da técnica de inxección de ozono como sistema de purificación dos gases de escape e mecanismos de eliminación de fouling, e o obxectivo é estender esta técnica realizando esforzos innovadores para obter un sistema que poida ser implementado nos motores de combustión interna existentes, contribuíndo á redución das emisións de gases de efecto invernadoiro derivadas da combustión dos próximos biocombustibles e do resto de combustibles fósiles.
Relacionado tamén co medio ambiente o proxecto Hibritec+, financiado con 138.000 euros, busca un enfoque práctico e próximo á realidade de mercado na detección e o tratamento de compostos farmacéuticos. Trátase de desenvolver a escala piloto un proceso integrado, economicamente viable, para mellorar a produción de auga limpa para a súa incorporación ao mercado de reutilización de augas. Entre os proxectos que contan cunha maior cantidade de financiamento, preto de 100.000 euros, atópase tamén NanoInRe, Nanofluídos optimizados para intercambiadores de calor nunha planta piloto de enerxía xeotérmica.
Dirixido especificamente ao ámbito sanitario, PolyDeepAdvance, cun orzamento de 75.000 euros, realizará a validación clínica e o plan de acceso ao mercado dun sistema de diagnóstico asistido por ordenador baseado no Deep Learning (técnicas de aprendizaxe profundo) para a detección e clasificación de lesións colorrectais en tempo real.
No ámbito das tecnoloxías TIC, VAIMos, financiado con 72.500 euros, busca valorizar os resultados do proxecto AIM sobre Internet de todo (Internet of Everything, IoE); Realsat, cun orzamento de 40.000 euros, buscará unha nova tecnoloxía, efectiva en custo, para mellorar a cobertura desde satélites xeoestacionarios pequenos (GEO) ou de órbita baixa (LEO); e, cun financiamento de 43.000 euros, FLATCity-Urban formula a necesidade de estender os algoritmos de caracterización de elementos do solo co fin de extraer outros atributos que enriquezan o mapa de navegación como son a anchura dos elementos ou o estado de conservación.
Da unión entre o mundo das TIC e a comunicación xurde DEBATrue, un proxecto ao que o ministerio lle concedeu 65.000 euros, financiamento co que tentar pór en marcha unha plataforma de verificación e comprobación en liña sobre as afirmacións realizadas polos candidatos ou candidatas durante e despois da celebración dos debates electorais, contribuíndo así ao desenvolvemento dun modelo de medios de comunicación máis innovadores e democráticos.
Ignicia: 388.000 para o proxecto Celia e 358.000 para Surfacorn
No caso da convocatoria Ignicia impulsada pola Xunta de Galicia a subvención é de 746.000 euros: 388.000 para Celia, un asistente interactivo orientado a mellorar a comunicación das persoas con demencia, e 358.000 para Surfacorn, traballo que busca aplicar o extracto biosurfactante obtido dos licores do lavado do millo para usos cosméticos e farmacéuticos.
No caso de Celia, proxecto que foi presentado o pasado mes de novembro nun acto celebrado no edificio Redeiras, permitirá que persoas con demencia en estados iniciais vexan retardado o seu deterioro cognitivo, utilizando unha tableta que lles ofrecerá contidos de estimulación personalizados, baseados en noticias, a partir das que se lle realizarán preguntas sobre esta información, pero tamén sobre a súa vida. O obxectivo é que a ferramenta permita que persoas maiores con deterioro cognitivo leve obteñan de xeito áxil e sinxelo información do seu interese, que se lles presenta en linguaxe natural. Para conseguilo bótase man de diferentes tecnoloxías: chatbots, ou aplicacións informáticas baseadas na intelixencia artificial que permiten simular a conversa cunha persoa; análise de sentimento; algoritmos de machine learning; xeración de linguaxe natural… todo baixo unha aplicación Android amigable.
Co proxecto Surfacorn preténdese levar ao mercado dous extractos biosurfactantes extraídos dos licores de lavado de millo para o seu uso na industria cosmética, farmacéutica e/ou agroquímica. Unha das principais vantaxes deste proxecto é o emprego de deterxentes naturais (denominados biosurfactantes), moito menos irritantes e tóxicos ca os químicos e moito máis biocompatibles. Ademais no caso dos biosurfactantes empregados neste traballo producen un efecto sinérxico cos ingredientes activos empregados, debido ao seu poder antimicrobiano ou antioxidante, tal e como xa se demostrou en proxectos previos.