Un cento de docentes e xestores de investigación e innovación de universidades peruanas participan no Programa de capacitación en xestión de proxectos de investigación e innovación en educación superior universitaria. Esta formación será impartida por un consorcio formado pola Universidade de Vigo, a través do Campus do Mar, e o Instituto para el Crecimiento Sostenible de la Empresa, ICSEM. No acto de apertura que tivo lugar este xoves en modalidade virtual, participaron a vicerreitora de Investigación, Belén Rubio, coordinadora do programa e o director do Campus do Mar, Daniel Rey, director académico do curso.
Este curso enmárcase dentro do Programa para la Mejora de la Calidad y Pertinencia de los Servicios de Educación Superior Universitaria y Tecnológica a Nivel Nacional (PMESUT) do Ministerio de Educación de Perú, unha iniciativa que como finalidade que os estudantes da educación superior do Perú accedan a institucións que brinden adecuados servizos educativos, pertinentes e de calidade a nivel nacional. Así, o curso de capacitación coordinado polo Campus do Mar busca incidir nunha desas esferas, a da investigación.
O obxectivo é apoiar o desenvolvemento de competencias en xestión de proxectos de investigación, desenvolvemento tecnolóxico e innovación a docentes, investigadores e xestores das universidades de Perú. En total, son 11 as institucións as que se poden beneficiar deste programa de capacitación: Universidad Nacional Mayor de San Marcos (Lima); Universidad Nacional Agraria La Molina (Lima); Universidad Nacional de Ingeniería (Lima); Universidad Nacional de Trujillo (La Libertad); Universidad Nacional de San Agustín (Arequipa); Universidad Nacional del Altiplano (Puno); Universidad Nacional de San Antonio Abad del Cusco (Cusco); Universidad Nacional Toribio Rodríguez de Mendoza (Amazonas); Universidad Nacional del Centro del Perú (Junín); Universidad Nacional de San Martín (San Martín) e a Universidad Nacional Jorge Basadre Grohmann (Tacna).
90 horas de formación
O curso, que arrancou o 21 de xaneiro, está estruturado en tres bloques temáticos. Por unha banda, un programa de capacitación en liña de 90 horas; por outra, un programa de acompañamento virtual para a formulación dun proxecto piloto e, finalmente, a elaboración dunha guía de xestión. A vicerreitora de Investigación da UVigo, Belén Rubio, foi a encargada de inaugurar o programa este xoves. Na súa intervención deulle a benvida aos representantes das 11 universidades peruanas e subliñou que o obxectivo desta iniciativa é “desenvolver competencias para xestionar proxectos de investigación, polo que isto vai ser un win win no que imos compartir experiencias dende ambos lados”.
A vicerreitora, que tamén coordina o programa, lembrou que entre os contidos que se van tratar están as posibles fontes de financiamento, os modelos de xestión e, sobre todo, os sistemas de rendición de contas, “que cada vez son máis esixentes e exhaustivos”. Tamén se abordarán aspectos relacionados co deseño da carreira profesional das e dos investigadores e cos programas de atracción e retención de talento, así como as estratexias de dixitalización ou de ciencia aberta. Para todo isto, o curso contará cun “variado conxunto de docentes, dende persoal docente e investigador ata xestores, todo con moita experiencia” en proxectos da Universidade de Vigo.
No acto de apertura tamén interveu Carlos Humberto Salazar, xefe da Oficina de Xestión Institucional de PMESUT, que recalcou que as 11 institucións que participan neste programa son “as líderes das 52 universidades que conforman o sector público en Perú”. Subliñou Salazar que o desenvolvemento dos proxectos de investigación, innovación e de emprendemento “é parte vital das nosas entidades universitarias e configuran o quefacer dos grupos de I+D e de transferencia tecnolóxica e dos centros de excelencia que fan posible que o coñecemento que se xera na universidade chegue á sociedade”. Pero, para acadar estes obxectivos, recalcaba “é importante que a xestión dos proxectos teña os indicadores, a eficiencia e, sobre todo, os recursos humanos coa suficiente preparación e competencias para poder levar a cabo unha xestión eficiente”.
Neste sentido, incidía en que a pesar de que a universidade peruana, en xeral, rexistrou importantes avances neste eido, “aínda temos oportunidades de mellora e, con este programa de capacitación e asistencia técnica, podemos adquirir novas competencias”. Ademais, engadía, “esperamos que este programa nos sirva a todos para seguir estendendo as nosas redes e seguir facendo proxectos de maneira colaborativa e interdisciplinaria cun maior número de institucións e optando a un número de fondos concursables”. O programa está financiado parcialmente a través dun acordo entre o Goberno do Perú e o Banco Interamericano de Desarrollo (BID).